A Xunta de Goberno Local deu luz verde a dous convenios con Xuventude e Voluntariado para a realización de prácticas de estudantes, e ás bases do Concurso “Sabores de Ourense – Outono 2015”, que se desenvolverá do 20 ao 29 de novembro.

A Xunta de Goberno Local aprobou prorrogar o contrato de subministración de material para a sinalización horizontal e vertical das vías públicas do Concello de Ourense con Protección Vial S.L. por período dun ano (do 22 de xaneiro de 2016 ao 21 de xaneiro de 2017), por importe de 80.000 euros.

Declarouse deserto o procedemento aberto, con múltiples criterios de adxudicación, para a contratación da redacción do proxecto e a execución das obras de demolición parcial e reconstrución do edificio sito na Avda das Caldas, 36 (antigo 54), de conformidade co informe do comité de expertos. Tamén se acordou comunicar este acordo á sección 2 da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Sección de Disciplina Urbanística.

Prácticas profesionais

Tamén foron aprobados dous convenio de colaboración entre a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e as concellerías de Xuventude e de Voluntariado de Ourense para facilitarlles aos alumnos do certificado de profesionalidade “SSCB0109 Dinamización Comunitaria” a realización de prácticas profesionais non laborais incluídas no programa formativo.

Concurso de pinchos

Aprobáronse igualmente as bases reguladoras da oitava edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono 2015, que se desenvolverá nos establecementos colaboradores do 20 ao 29 de novembro.

No tocante á Concellería de Participación Cidadá, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense a Federación de Asociacións de Veciños “Limiar” por importe de 15.105 euros.

 

Fóra da orde do día, aprobouse a contratación da animación para a cabalgata de reis; o proxecto para a instalación de cámaras de vídeo vixiancia no polígono industrial de Seixalbo e a selección dos novos proxectos para os cursos que serán impartidos nas asociacións de veciños en 2016.

Memoria da Policía Local
A concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá, Flora Moure, e María Barrera, intendente da Policía Local de Ourense, deron conta dentro da propia Xunta de Goberno Local dos datos estatísticos do servizo durante o último ano. Entre os aspectos máis destacados, a baixada dos actos vandálicos en 2014 nun 10% con respecto ao ano anterior e nun 25% respecto a 2012; disminución tamén no eido circulatorio, onde se denota unha baixada do 6,37% dos accidentes de circulación respecto do ano pasado.