En sesión extraordinaria e urxente, a Xunta de Goberno Local aprobou a ordenación decrecente das ofertas, sendo a empresa con máis puntuación Creaciones Luminosas S.L., que ten agora 10 días para presentar a documentación precisa para a adxudicación.
A Xunta de Goberno Local de Ourense celebrou a última hora da mañá deste venres unha sesión extraordinaria e urxente na que se se deu un paso máis na contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento e retirada da iluminación de Nadal 2015-2016.
Así, neste aspecto se aprobou a ordenación decrecente das ofertas presentadas, sendo a opción máis acaída a de Creaciones Luminosas S.L., que acadou os 100 puntos posibles na proposición económica, cun prezo ofertado de 79.860 euros (IVE incluído).
Nesta xuntanza tamén se acordou requerirlle á empresa para que no prazo de 10 días hábiles achegue a documentación precisa para proceder á súa adxudicación.
Videovixilancia no polígono
Nesta sesión tamén se aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, as obras do proxecto modificado de instalación eléctrica de baixa tensión para videovixilancia no Polígono Empresarial de Seixalbo, coa correspondente aprobación do prego de condicións económico-administrativas por importe de 95.743,85 euros (IVE incluido). Este paso, unido á aprobación do devandito gasto, precede ao de dispoñer a apertura do procedemento de adxudicación das obras deste proxecto, mediante procedemento aberto.