A empresa concesionaria baleirará a auga das máquinas en cada servizo e realizará un informe bacteriolóxico que lle será remitido á Xefatura Territorial.

O Concello de Ourense vén de autorizar o uso dos 20 vehículos inmobilizados da empresa de limpeza Ecourense logo de que a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, con competencias no control da lexionela, avaliase as medidas adoptadas e dese o visto bo. A empresa comprométese a baleirar depósitos e circuítos hidráulicos dos vehículos garantindo así que non queden restos de auga que poidan ser focos de proliferación da bacteria, pero tamén a analizar as súas máquinas cada vez que se produza o baleirado e rexistrar cada unha desas actuacións.

Os informes periódicos seranlle remitidos á Xefatura Territorial de Sanidade, segundo marca o protocolo para estes casos. Do mesmo xeito, Ecourense comprométese a remitirlle calquera comunicación remitida desde Sanidade no tocante a este tema “de maneira inmediata” ao Concello de Ourense. A autorización dáse ao día seguinte de que a empresa concesionaria presentase, no rexistro xeral do Concello, unha autorización de Sanidade na que dá o seu visto bo “sempre e cando a carga dos vehículos continúe realizándose desde unha rede municipal controlada”.

Do mesmo escrito se desprende a obrigatoriedade de presentar as análises de determinación de lexionelose pasados 15 días desde o tratamento e desinfección de todas as máquinas e, no prazo dun mes, un programa hixiénico-sanitario da captación de augas e dos vehículos empregados nos que se deberá detallar que procedementos e produtos se empregan nos controis sanitarios, así como a periodicidade coa que se irán realizando.

O Concello de Ourense, desde o seu departamento de Medio Ambiente, poderá “en calquera momento e dentro das súas funcións de inspección” comprobar in situ se os traballos de baleirado, desinfección e rexistro se están realizando correctamente, xa que todos os traballadores da empresa deben apuntar no seu parte de traballo cada actuación.