A entidade atendeu o ano pasado a unhas 600 persoas migrantes na nosa cidade.
A Fundación Juan Soñador organiza, co patrocinio do Concello de Ourense, a I Semana da Inclusión Social “Achegando realidades”. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, o director social da Fundación, Chema Blanco, e a coordinadora local de programas, Nuria García, presentaron as actividades que se desenvolverán esta semana coas que se pretende difundir as diferentes circunstancias das persoas en risco de exclusión social e laboral co obxectivo de facer de Ourense unha cidade “inclusiva”.
Na presentación, o alcalde salientou que é “fundamental gañar en coordinación e transversalidade, traballar de xeito conxunto” e ademais “buscar a inclusión, non homoxeneizando, senón integrando”. De aí que Jesús Vázquez considerara que desde as administracións públicas débese apoiar “a aqueles colectivos, fundacións, asociacións, etc. que traballan diariamente para mellorar a situación daqueles que máis nos necesitan. Nesa liña, o Concello de Ourense participa coas actividades da Fundación Juan Soñador cedendo os centros cívicos e poñendo ao servizo da entidade a información recollida nas UNIS da Concellería de Asuntos Sociais.
Pola súa parte, Chema Blanco apuntou ao reto de “ser capaces de cambiar mentalidades, actitudes, corazones y leyes para que seamos capaces de ser esa sociedad inclusiva que deseamos”.
Programa de actos
Este mércores, a Semana presenta na aula magna do colexio Salesianos a “mirada da infancia, sen prexuízos, sen estereotipos”, indicaba Nuria García, a través dunha exposición de debuxos elaborados polos rapaces dos centros cívicos, do colexio Salesianos e dos programas Teranga e Espabila da fundación.
O xoves, na mesma localización, é o turno para o terceiro sector, que debaterá “en clave de retos de futuro” sobre “un novo modelo de inclusión social”. Participarán representantes dos servizos sociais municipais, de EAPN Galicia (a Rede Galega c ontra a Pobreza), de Cáritas, do programa Érguete Mullere de Adoratrices Ourense e da Cruz Vermella.
O venres, tamén nos Salesianos, está programado un cinefórum coa película “Intocable” e finalmente o sábado a mediodía a Fundación programa “un acto máis visible”: un magosto intercultural na praza Maior de Ourense, con comidas típicas de diferentes culturas, actuación dos PerQtores de Seixalbo e obradoiros infantís.
Memoria de actividades
A Fundación Juan Soñador é unha entidade social promovida polos Salesianos, que traballa na nosa cidade desde 1997 (aínda qeu foi en 2002 cando se constituíu como fundación). Infancia, mocidade, poboación migrante e famiias en risco de exclusión son os colectivos aos que van dirixidos os seus programas. En 2014 unhas 600 persoas inmigrantes foron atendidas no Programa Teranga –cada unha delas recibe un itinerario de inserción socio-laboral- , e outras 12 pasaron pola súa vivenda comunitaria. Unha cifra que, segundo a coordinadora local, amosa que “as situacións de vulnerabilidade social son cada vez maiores”.