Terá lugar este mércores 4 de novembro, ás 11:00 h. para denunciar «as múltiples deficiencias da edificación»
Os sindicatos UXT e CCOO organizan este mércoers, ás 11 horas, unha concentración diante do novo edificio xudicial de Ourense, como xeito de denunciar «as múltiples deficiencias da edificiación e para advertir dos continuos incidentes que se producen na mesma ocasionando perigo para a integridade e a saúde de traballadores e usuarios».
Segundo informan Sonia Rodríguez de CCOO e Manuel González de UXT, respectivos portavoces sindicais do Sector de Xustiza en Ourense, “durante os sete meses que transcorreron desde a inauguración do novo edificio xudicial de Ourense, producíronse numerosos incidentes derivados da deficiente construción do mesmo, o último deles, o pasado 15 de outubro, ao desencaixarse parcialmente un dos grandes cristais da fachada principal do edificio xudicial, incidente ao que o Conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, cualificou con lixeireza de acontecemento puntual”.
Lembran os sindicalistas que “xa van uns cantos acontecementos puntuais” e pregúntanse si serán tamén “acontecementos puntuais para o señor conselleiro” o feito de que “a porta do garaxe se avaríe con frecuencia, que haxa inundacións habituais nos baños, que se produzan filtracións de auga nos patios interiores, que a climatización sexa deficiente, que as portas xiratorias do exterior se avaríen cada pouco tempo ou que moitos pestillos das portas non abran con normalidade. Todos eses “acontecementos puntuais” ocorren día si e día tamén no novo edificio xudicial de Ourense e poñen en cuestión, polo menos, a calidade dos materiais empregados, logo dun gasto de 18.000.000 euros na súa construción, custo que, lembramos, saíu dos petos de todos os cidadáns”.