O escudo da cidade e a ponte do Milenio ilustran o novo cupón.
A cidade de Ourense repartirá a fortuna do sorteo da ONCE do vindeiro 9 de novembro. Este mércores presentouse no salón de plenos do Concello o cupón pertencente á serie A túa cidade nunha moeda, que reflicte unha moeda de cinco euros acuñada pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre co escudo de Ourense por un lado, e a ponte do Milenio polo outro. En total, serán 5’5 millóns de cupóns, á venda desde hoxe, os que circularán por todo o estado e “co que moitos cidadáns buscarán esa sorte extra ao tempo que colaboran co labor social da ONCE”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
A venda de cupóns, que emprega a 50 persoas discapacitadas dos máis de 100 traballadores que a ONCE posúe en Ourense, “é a mellor tarxeta de presentación pero tamén a nosa principal fonte de financiamento”, segundo Manuel Martínez Paz, delegado territorial da ONCE en Galicia. Deste xeito, a organización pode facer fronte a unha das máis grandes iniciativas de integración socio-laboral do mundo: veñen de ser considerados polo diario The Economist como “unha das dez entidades do mundo máis importantes en materia de diversidade e inclusión, dous aspectos cos que o goberno de Ourense está fondamente comprometido”, recordaba o alcalde Jesús Vázquez.
Esta non é a primeira vez que o nome de Ourense aparece impreso nos cupóns dos sorteos da ONCE, só que nesta ocasión correspóndelle a maior tiraxe de todas as realizadas ata o de agora. “Cinco millóns e medio de imaxes de Ourense circulando por España durante catro días a custe cero” é unha excelente imaxe da cidade, dixo o alcalde, quen convidou ao agraciado a pasar uns días na cidade.