Os sindicatos CCOO e UGT acusan a Alfonso Rueda, conselleiro de Xustiza, de actuar con “lixeireza” sobre os continuos incidentes.
Este mércores, CCOO e UGT organizaron unha concentración para denunciar as múltiples deficiencias do novo edificio xudial de Ourense, advertindo dos “continuos incidentes que se producen e que ocasionan graves riscos para a integridade e saúde de traballadores e usuarios”. A esta reivindicación uníronse un número considerable de funcionarios dos xulgados que se mostraron indignidados polas “condicións de risco” nas que desenvolven o seu traballo.
Sonia Rodríguez e Manuel González, portavoces de CCOO e UGT, destacaron que nos sete meses que pasaron dende a inauguración desta infraestrutura foron numerosos os incidentes “derivados da deficiente construción, o último deles o pasado 15 de outubro, ao desencaixarse parcialmente un dos grandes cristais da fachada principal do edificio xudicial, feito que causou bastante alarma entre o persoal e os usuarios do edificio polas graves consecuencias que houbera podido ocasionar de haberse desprendido totalmente o vidro sobre a explanada de acceso aos xulgados”, salientaron.
Sobre ese incidente foron especialmente críticos os portavoces sindicais con Alfonso Rueda, conselleiro de Xustiza, ao que acusaron de actuar con “lixeireza” por cualificar de “acontecemento puntual” este feito. Lembrando os sindicalistas que “xa van uns cantos acontecementos puntuais” e preguntándose se serán tamén “acontecementos puntuais para o señor conselleiro que a porta do garaxe se avaríe con frecuencia, que haxa inundacións habituais nos baños, que se produzan filtracións de auga nos patios interiores, que a climatización sexa deficiente, que as portas xiratorias do exterior se avaríen cada pouco tempo ou que moitos pestillos das portas non abran con normalidade”.
Os representantes de CCOO e UGT puxeron en cuestión a calidade dos materiais empregados, “logo dun gasto de 18 millóns de euros na súa construción, que saíu dos petos de todos os cidadáns para, agora, ter que seguir orzamentando sen tope para ir atallando as deficiencias que se van producindo unha tras outra”, concluíron.