A festa organizada pola Concellería de Cultura recupera de novo o espazo da Alameda.
Mil quilos de castañas e dúas mil racións de bolos con chourizo son as grandes cifras da que é “unha das festas senlleiras do ciclo festivo de Ourense”, o magosto. Eran palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación dos festexos que organiza o seu departamento o vindeiro mércores 11 de novembro, festividade do San Martiño.
O programa do Magosto 2015 non varía demasiado con respecto a outros anos, alén de recuperar o espazo tradicional da Alameda. A partir das cinco da tarde comezará a arder a fogueira e poranse á venda os tickets para acceder á comida, que se repartirá a partir das seis. “Un euro é un prezo simbólico que nos axuda a darlle orde ao reparto da comida”, xustificaba a técnica municipal María Díaz. A Concellería preparou dous mil packs de bolos preñados, castañas e viño ou auga, habendo tamén a posibilidade de menús para celíacos.
Haberá obradoiros infantís coa castaña –como non podía ser doutro xeito- coma protagonista, e os grupos Os Daniñas na Alameda, os gaiteiros Furafoles nas rúas do casco vello e Paseo e Os Carunchos no palco da Alameda ambientarán musicalmente a festa ao longo da tarde. Un equipo de catro ou cinco persoas de Cultura e 12 máis do equipo de produción contratado para a ocasión encargaranse de que todo saia ben.
Belén Iglesias convidou á participación da cidadanía neste festexo que “representa o mellor da nosa tradición” e aproveitou a rolda de prensa para agradecer o “cheo total” na celebración do Samaín o pasado 31 de outubro. O cartel que promocionará o magosto municipal deste ano é obra do estudante de deseño gráfico Néstor Domínguez e foi elixido por unanimidade, resaltou a concelleira.
Permisos para magostos particulares
A edil de Cultura recordou que, coma en anos anteriores, os que opten por celebrar o magosto en grupo nos montes da cidade deberán pedir permiso mediante unha instancia dirixida á Concellería de Medio Ambiente indicando o lugar da festa. O parque de Montealegre tamén terá un espazo habilitado para as fogatas.
Baixo o lema “Eu reciclo no Magosto”, a Concellería de Medio Ambiente colocará unha carpa informativa con contedores para a recollida selectiva na entrada do Botánico de Montealegre os días 7, 11 e 14 de novembro en horario de 15:30 a 19:30 horas. Desde ela, ademais de informar da correcta reciclaxe dos diferentes residuos que se xeren durante a festa, premiarase os que colaboren no reciclado dos mesmos. Os participantes poderán optar a gañar un dos 600 agasallos disponibles (bragas polares, orelleiras ou mochilas. E entre os premios tamén se incluirán dous abonos de tempada para o Clube Ourense Baloncesto.