A área de Contratación só dispón de catro técnicos, laméntase o alcalde.
Ten o Concello de Ourense carencias de persoal? Iso pensa o alcalde, Jesús Vázquez, alomenos no que se refire a persoal técnico. O rexedor ourensán puxo de relevo, en particular, as dificultades na área de Contratación, que se encarga, entre outros asuntos, de tramitar os pregos das concesións administrativas, e á que só hai asignados catro técnicos. De aí os retrasos en moitas concesións, prorrogadas ou en situación precaria. “Traballan moitísimas horas para tratar de sacar adiante ducias e ducias de pregos, hai funcionarios que veñen todas as tardes a traballar”, apuntaba Vázquez, que recoñecía que son “moitísimos os quebradeiros de cabeza para dentro da legalidade non interromper os servizos”.
Por iso, o alcalde vería necesaria unha oferta pública de emprego para técnicos pero recoñece as limitacións á hora de contratar que impón a “lei Montoro”.
Jesús Vázquez fixo estas declaracións logo da Xunta de Goberno local deste xoves, na que se deu conta do acordo na mesa de negociación cos sindicatos para devolver ao persoal municipal días de asuntos propios e vacacións por cuestión de antigüidade. Os funcionarios poderán facer uso destes días libres ata o 30 de abril de 2016.
Acompañábao na rolda de prensa a concelleira de Recursos Humanos, Flora Moure, que, preguntada pola OPE de 2014, recordou que pesa sobre ela varios recursos de sindicatos e particulares polo que, nesa mesma mesa de negociación, “hemos planteado buscar entre todos una solución”. Descártase unificala coa oferta de emprego de 2015.
En resposta a unha pregunta pola situación das adscricións provisionais de persoal que hai no Concello de Ourense, adscricións anuladas por unha sentenza e non permitidas pola lei, Moure anunciou que irá “reestructurando cada área de una forma ordenada” e que ten previsto sacar a concurso xefaturas de servizo e outros postos.