No repertorio están todos os clásicos: La Forza del destino, Turandot, La Traviata, Il Trovatore, Rigoleto… e, sobre o escenario, poderemos ver a Coral do Liceo de Ourense.
O Auditorio Municipal acolle este sábado 7 de novembro unha das mellores oportunidades para vivir o espectáculo da ópera de preto e dunha forma accesible e atractiva para todos os públicos. «Un día en la Ópera» é un ambicioso proxecto que xunta sobre o escenario catro solistas de grande proxección artística internacional e ofrece un repertorio cos mellores momentos da historia da ópera: La Forza del destino, Turandot, La Traviata, Il Trovatore, Rigoleto… Sobre o escenario do Auditorio estarán, ademais, a Coral do Liceo de Ourense, dirixida por Yolanda Grela, e a Orquestra Clásica de Vigo.
‘Un día en la Ópera’ é unha excelente oportunidade para propios e alleos a este xénero musical: o repertorio é de sobra coñecido polo público de todas as idades, xa que se trata de grandes clásicos da música. Ao mesmo tempo, o espectáculo mestura unha divertida posta en escena que desdramatiza a ópera tal e como a coñece o grande público. Ademais, o elenco está integrado por artistas de primeirísimo nivel, moitos deles integrantes de grandes compañías musicais coma as óperas de Múnich ou de París. Ao inicio da representación e, sobre todo, ao final, estarán á disposición do público para intercambiar opinións, respostar curiosidades ou, simplemente, amosar a ópera desde o interior.
A Concellería de Cultura quixo, ademais, axudar o peto do público de Ourense, con prezos que oscilan entre os 8 e os 10 euros, os máis baratos de toda a xira estatal, para que a mensaxe da ópera chegue ao maior público posible.
A cita é o sábado 7 de novembro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.