O premio recoñece o esforzo e a excelencia científica e innovadora das solucións e servizos no ámbito das tecnoloxías aplicadas á saúde e á vida activa e independente.

O proxecto “e-motional training”, de aplicación das novas tecnoloxías da información á rehabilitación de pacientes con trastornos mentais, promovido desde o Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, recibiu o premio Innova eVía na categoría de proxecto innovador.

O premio, convocado pola Plataforma de Tecnoloxías para a Saúde e a Vida Activa e Independente (eVIA), financiado polos Ministerios de Industria, Economía, Fundación Once, e a asociación empresarial (AMETIC), está dirixido ás entidades e proxectos españois que aposten pola innovación, para fomentar sistemas, servizos e produtos, baseados nas TIC, para preservar a saúde e o benestar, elevar a calidade de vida, autonomía e independencia das persoas maiores e con discapacidade, así como a integración.

Tratamento a través do xogo
O proxecto premiado é un programa de rehabilitación on line que, mediante o xogo, está destinado a mellorar a cognición social, desde a percepción de emocións á percepción social, así como a chamada Teoría da Mente e o estilo atribucional. O programa está deseñado partindo dos estudos de autismo, esquizofrenia e trastorno mental grave, e tamén é de utilidade para mellorar e manter estas habilidades na poboación san. Asemade, permite recoller información relevante para continuar investigando.

Ensaio clínico en catro hospitais galegos
Este mesmo mes de novembro estará xa dispoñible a súa segunda versión, coincidindo co remate dun ensaio clínico nos Hospitais de Día de Saúde Mental de Ourense, A Coruña, Santiago, e Vigo, así como nas Asociacións de pacientes como MOREA e DOA, polo que está previsto iniciar a súa implantación, gratuíta, na rede Sergas, e comercializalo a partir de febreiro no resto de España e a nivel internacional.