Promovida por Cultura e Educación, e Economía e Industria, xunto coa Federación de Librarías e a Asociación Galega de Editores, na iniciativa participan 17 librarías de toda Galicia e oito editoriais.
O programa «Venres nas librarías» ofrecerá durante o mes de novembro máis de 30 actividades para promover o libro e a lectura, a través de encontros literarios e musicais con autores e autoras que se desenvolverán semanalmente, os venres e os sábados, nas catro provincias galegas.
O programa, promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía, Emprego e Industria –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Comercio–, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, comeza o mes de novembro con cinco actividades esta fin de semana, unha delas en Ourense.
Na nosa cidade a libraría Káthedra acollerá a presentación, ás 19.30 horas deste venres, da obra de Pablo Núñez ‘Las hijas del César’, de Hércules de Ediciones.
Ata o 28 de novembro, «Venres nas librarías»ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos, que se realizarán semanalmente os venres e os sábados. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.
Concursos nas redes sociais
Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguen ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso Andel do agasallo. Cada semana, as persoas que participan deben adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a falar. O lector ou lectora que o acerta leva de agasallo ese novo título editorial. O concurso realízase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook www.facebook.com/CulturaGalegaXunta.