Infraestruturas prevé que antes de rematar o ano se licite a redacción do proxecto de construción para que esta se realice en 2016, unha vez rematada a información pública e aprobado o proxecto de trazado e impacto ambiental.

 

A Xunta inicia o trámite de información pública do trazado e da avaliación de impacto ambiental da conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no treito entre a autoestrada e a N-525. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres este anuncio polo que se somete a información pública o citado proxecto e se abre un período de 30 días hábiles para a presentación de alegacións.

O Goberno galego ten presupostados para o vindeiro ano 1,2 millóns de euros para esta infraestrutura, ao tempo que se reservan os fondos necesarios para executala nos orzamentos futuros. Ademais, os esforzos do Executivo autonómico lograron a disposición de 15 millóns de euros de fondos FEDER, do período operativo 2014-2020, para garantir a execución desta conexión.

A Xunta prevé que antes de que remate o ano se licite a redacción do proxecto de construción, posto que o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Vivenda é que a redacción do proxecto construtivo se poida realizar en 2016, unha vez que remate a información pública e se aprobe definitivamente o proxecto de trazado e a avaliación de impacto ambiental.

A vía ten 4,5 quilómetros de lonxitude que toca aos termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela, reduce o percorrido de conexión coa autovía en aproximadamente nun 66%, ao pasar de 11 a 4,5 quilómetros; e, paralelamente, mellora a conectividade coa autovía de Celanova.

Deste xeito mellórase a conexión do polígono de San Cibrao das Viñas que conta con máis de 300 empresas instaladas; e dá emprego a preto de 8.000 persoas.