A asociación ecoloxista lamenta a «cruzada contra o patrimonio arbóreo sen xustificación» que hai na cidade de Ourense.
Amigos da Terra Galicia denuncia a corta polo pé de sete plataneiros de sombra «Platanos hybrida» de grandes dimensións na estrada OU 150 no nucleo urbán de Cudeiro, en Ourense, «árbores de grandes dimensións que levaban alí máis de 75 anos, non estorbaban nin supuñan risco para o tráfico», valoran nun comunicado.
Para os ecoloxistas, «na cidade de Ourense continuase coa cruzada contra o patrimonio arbóreo sen xustificación, sen sensibilidade, nunha demostración máis da falla de políticas medio ambientais que fomenten a sustentabilidade e a conservación do pouco patrimonio natural con que conta a cidade».
Amigos da Terra critica que «de forma inxustificable» se veñan destruíndo varios exemplares de árbores nos últimos meses, «actuacións incompatibles coa imaxe dunha cidade que se dí ‘termal’, cunha cidade que polo seu potencial, pola súa situación xeográfica e polos valores naturais con que conta podía ser unha das referencias de desenvolvemento sustentable en Galicia».
A asociación ecoloxista reclama ao Concello de Ourense que cree o Consello de Medio Ambiente, catalogue o patrimonio arbóreo con que conta a cidade, e que «antes de destruír as árbores que son patrimonio da cidade busque o asesoramento necesario e non proceda como ten feito ate o de agora talando polo pé exemplares únicos como os sete plataneiros de sombra».