Presentación de exposición de Tauchido

A mostra está composta por pezas de porcelana que, segundo o seu autor, “tentan transmitir o significado da beleza” e reflicten a súa paixón por este material.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolle ata o 9 de decembro a exposición “A esencia da beleza”, do escultor Miguel Ángel “Tauchido” (Ourense, 1977), unha mostra composta por unha vintena de pezas de porcelana que, segundo dixo na presentación o seu autor, “tentan transmitir o significado da beleza, que reside en todo aquilo que esperta en nós sensacións agradables e harmonía”.

Na presentación da mostra, que se inaugura esta tarde, Miguel Ángel “Tauchido” estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

O escultor –que traballa sempre con materiais galegos- tivo palabras de agradecemento para os seus pais, “que me inculcaron o amor polo arte, que nos fai libres para imaxinar, sen ditaduras nin opresión”, sinalando que a súa paixón pola porcelana “reflicte o que penso e o que son”. “Tauchido” non quixo definir a obra exposta “para non influír nos visitantes”, pero si desexou que mentres a estean vendo “sexan felices por un momento”.

A posta en valor da cultura e o exemplo dun artista que soubo trasladar á súa profesión de ceramista a súa paixón pola porcelana foron os aspectos salientados nas súas intervencións por Rosendo Fernández, Aurelio Gómez Villar e Manuel Doval, que incidiron no reforzo que esta exposición supón para a ampla oferta do centro cultural.