Pleno novembro Ourense

DO e PSOE rexeitan o Plan económico-financieiro do Concello de Ourense.

 

Sesión plenaria maratoniana a deste venres no Concello de Ourense. Un expediente de honra, un convenio con Institucións Penitenciarias, unha ordenanza municipal, o Plan económico-financieiro, 11 mocións e unha intervención veciñal deron para seis horas e media de debates.

O principal varapao para o grupo de goberno foi o non de Democracia Ourensana e Partido Socialista ao seu Plan económico-financieiro, requisito previo para aprobar os orzamentos de 2016 e obrigado ao incumplirse o teito de gasto no último exercicio. O alcalde, Jesús Vázquez, criticou aos dous partidos no que considerou “unha realidade insólita, que intenten paralizar esta cidade por rédito político”. Con todo, ao Goberno municipal quédalle a opción de aprobar o plan en Xunta de Goberno, recordáballe o voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero.

Tres acordos por unanimidade
Por unanimidade acordouse a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión dos casos de lexionela producidos na empresa concesionaria de limpeza, tal e como solicitaba unha moción conxunta de DO e PSOE. Barquero acusou ao concelleiro de Limpeza, Pepe Araújo ,de ocultar información durante tres semanas, ao que este respostou que asumía todas as responsabilidades pero que atendía “indicacións dos técnicos, que che din que esto se considera un caso illado e non se pode xerar alarma social”.

Tamén por acordo de todos os partidos aprobouse a proposta de DO para continuar o paseo fluvial do río Loña entre o parque Mende e o encoro de Castadón. O traballo do proponente, o edil Domingo Castro, mereceu as felicitacións do resto de grupos políticos.

A unanimidade continuou na moción socialista que solicitaba conservar un edificio da antiga depuradora para uso da asociación de veciños de Reza, coa aclaración por parte do alcalde de que buscan unha solución positiva “pero dentro da legalidade».

Apoio á pista cuberta en Expourense
Co apoio do grupo de goberno popular, saiu adiante a moción de Democracia Ourensana para apoiar a instalación en Expourense da pista cuberta de atletismo que promoven a Federación Galega de Atletismo e a Xunta de Galicia. O edil de Deportes, Mario Guede, puxo enriba da mesa algunhas das cifras que amosan como o atletismo está en auxe na nosa provincia e xustifican esta instalación (855 licenzas de atletas, 3.721 de escolares e 18 clubs). Pola contra, PSOE (que se abstivo) e Ourense en Común (que votou en contra) botaban en falta informes máis claros sobre a viabilidade e a compatibilidade da instalación.

Sumando os votos favorables de DO, o Partido Socialista conseguiu aprobar a súa moción para que se substitúa o proxecto básico presentado para a nova sede da Confederación Hidrográfica por aquel que gañara o concurso de ideas en 2012. O PP rexeitouna, porque como apuntou o concelleiro de Urbanismo, Jesús Cudeiro, “no existe fundamento legal por el que este ayuntamiento pueda obligar a tal sustitución (á CHMS)”. De todas formas, os populares non conseguiron apoios para que prosperara a súa emenda, coa que querían que os responsables da CHMS simplemente “valorasen” o anteproxecto gañador do concurso.

Coa abstención de DO e PSOE e o voto en contra de OUeC, o PP si aprobou a adhesión do Concello a unha proposta da igrexa evanxélica para que Correos dedique un selo á “Biblia do Oso”.

Ourense en Común logrou os apoios de PP e PSOE á súa proposta para monitorizar as actividades do Concello.

Mocións rexeitadas
A proposta de DO para que a festa do magosto cobrase maior protagonismo nas celebracións anuais da cidade, en detrimento do Corpus, non convenceu ao resto de grupos; PSOE e OUeC optaron pola abstención e PP votou en contra, comprometéndose, iso si, a potenciar os dous fetexos, dixo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias.

PP e DO votaron en contra da moción de Ourense en Común sobre a situación do corpo de bombeiros, na que se pedía, entre outras cousas, a atención das súas demandas laborais e o incremento da plantila “ata recuperar a funcionalidade do servizo” (actualmente son 54 en plantilla). Tampouco prosperou a terceira moción de OUeC para crear un órgano de xestión municipal do patrimonio, nin a do PP en defensa do Estado das Autonomías.

Homenaxe a Estanislao Reverter
Neste pleno de novembro incoouse expediente de honra ao piloto ourensán “Estanislao Reverter”, aprobouse inicialmente a ordenanza municipal sobre tenza de animais potencialmente perigosos, e apoiouse a sinatura dun convenio con Institucións Penitenciarias para o cumprimento de penas de traballos en beneficio da comunidade.

Unha intervención do presidente da Cogave, Eladio Fernández, reclamando aos catro grupos a aprobación dun “pacto de goberno por Ourense” para os asuntos trascentais para o desenvolvemento da cidade pechou a sesión plenaria.