Presentación do 20OUFF

Os seus organizadores recalcaron a vocación do certame de situarse como referente do audiovisual en Galicia e Norte de Portugal.

O Festival de Cine Internacional de Ourense pretende convertirse en referencia para o sector audoiovisual no noroeste peninsular, segundo afirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, idea na que coincidiron varios dos intervintes na presentación pública da vixésima edición do certame, que se celebra na nosa cidade entre o 14 e o 22 de novembro.

O programa

O festival abrirase o vindeiro sábado coa proxección da película “Lobos sucios”, do galego Simón Casal, e clausurarase o sábado seguinte con “Tercer grado”, de Geoffrey Cowper.

Da sección oficial destaca por primeira vez o feito de que dúas das dez cintas seleccionadas son documentais, “Dark Horse” e “Killing Time”. Ademais, a maioría dos filmes seleccionados son primeiras ou segundas obras dos seus autores, nunha “clara aposta polos novos valores”, en palabras de Nora Sola, directora do festival. Nesta edición destaca a representación española, con tres películas: “La novia”, “La decisión de Julia” e “Techo y comida”. Xunta a elas, optan aos premios a danesa “Bridgen”, a búlgara “The sinking of Sozopol”, a arxentina “La vida después”, “Bambanti”, de Filipinas, e a mexicana “El comienzo del tiempo”.

O certame repartirá 17.000 euros nos galardóns á Mellor película, Carlos Velo ao Mellor Director, Mellor Guión, Premio Especial do Xurado, Mellor Interpretación e Premio do público. O xurado está composto polos actores Frank Feys e María Vázquez, a guionista Araceli Gonda, o director Alexandre Powelz (premiado no OUFF o ano pasado, e a produtora Marta Figueras.

Neste 2015, o Premio ao mellor guión adaptado, instituído pola Federación de Libreiros de Galicia, recoñecerá o labor da escritora, xornalista, guionista e actriz Elvira Lindo, cunha gala o domingo 15 no Teatro Principal na que se proxectará “Una palabra tuya”. Mentres, o Premio Cidade de Ourense recae no director Enrique Urbizu; a quen se lle entregará no Principal o día 19, proxectando “La vida mancha”.

O público tamén poderá ver outras trintena de obras, encadradas nas seccións paralelas “Inédito en Ourense”, “Documentais”, “Panorama Galicia”, “Cinemas de Galicia”, “Cine e viño”, “Sesións especiais” e “XX Anos”.

A programación exhibirase durante os nove días do festival nas dúas salas do Auditorio Municipal, no Teatro Principal, no Centro Cultural Marcos Valcárcel e na Sala José Ángel Valente.

Actividades paralelas
Unha das novidades desta edición é que “se descentralizará cara aos barrios”, apuntaba o alcalde, con proxeccións infantís na sociedade Albor do Couto; o centro cívico da Cuña e o Espazo Lusquiños, na Ponte. O certame “OUFF Escola”, concertos, sesións lixeiras e obradoiros para nenos no Centro Cultural Ángel Valente, presentacións de proxectos audiovisuais e un encontro profesional de coprodución Galicia-Portugal completan o programa deste 20º OUFF.

Valoracións
Na presentación do OUFF, ademais do alcalde, estiveron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; Jacobo Sutil, director da Agadic; Manuel Fernández Pellicer, delegado de Gas Natural Fenosa en Galicia; Belén Iglesias, concelleira de Cultura; Roberto Castro, subdelegado do Goberno; Rubén Saavedra, director territorial de Abanca; César Silva, director de programación do Festival, e Nora Sola, directora do mesmo, e condutora do acto.

No turno de intervencións, Vázquez Abad agradeceu a implicación de institucións públicas e privadas, sendo este ano a edición con maior implicación económica privada. Manuel Baltar puxo o acento en que a institución que preside “nunca deixamos de colaborar” co festival, colaboración que volve ser económica nesta edición, cunha achega de 35.000 euros. Jacobo Sutil amosouse “especialmente satisfeito” pola “sinerxia de traballo conxunto” entre a Agadic e o Festival de Cine de Ourense, que se traducirá en tres actividades concretas, que son o primeiro encontro de coprodución audiovisual Portugal-Galicia no que participarán empresas e televisións públicas galegas e lusas na procura de proxectos comúns a ambos lados do Miño; o lanzamento do novo catálogo “Filmes por Galicia”, co que chegarán a Ourense duas proxeccións antes do seu lanzamento xeral; e a presentación da nova etapa de “Cinemas de Galicia” para levar o cine a localidades que non contan con salas de proxección. Finalmente, Manuel Fernández Pellicer dixo ver “clarisimamente” o crecemento e consolidación do Festival de Cine de Ourense para ser referente en Galicia, por iso “queremos estar aquí”, dando apoio para contribuír a ese éxito.