O recinto feiral acolleu Celebra, o 16º Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais, e a 2ª Feira de Antigüidades de Ourense.
Celebra 2015 destacou por ter medrado no número de expositores (un 8% con respecto a edición anterior) e polo mimo e a personalización na montaxe dos stands. Celebra posiciónase como unha das grandes citas dos organizadores de eventos de Galicia e unha referencia que non se perden as familias que están a preparar unha voda, bautizo, comuñón ou calquera tipo de celebración. Os 65 expositores de Celebra ofreceron calidade, deseño e orixinalidade nos seus produtos e servizos. O 80% deles procedían da nosa provincia o que veu demostrar unha vez máis a boa sona que ten o comercio en Ourense.
Unha vez máis, foron as pasarelas as que atraeron a maior número de asistentes. O número de empresas que quixeron participar nesta actividade, levou a organización a celebrar tres pases diferentes da pasarela, que conseguiron de novo chamar a atención das visitas ó salón. Unha pasarela moi completa e variada na que participaron unha quincena de empresas e onde puido verse dende a noiva máis clásica con encaixe e pedrería que volven estar de moda, ata noivas con espaldas “tatuaxe” de trasnparencias con encaixe. E ata indo máis alá e apostando por unha noiva máis moderna e informal, puidemos ver modelos nupciais con sudadera e zapatillas tipo “Converse” ou nais e fillas perfectamente conxuntadas para asistir a eventos. Tamén puido verse moita moda de festa onde a cor e as grandes xoias foron as protagonistas e un completo desfile tamén de traxes de noivo e de comuñón e festa para os máis pequenos.
As pasarelas contaron coa participación das seguintes empresas: Al detalle eventos (decoración); Alvarino (vestidos noivo e festa), Drácena (arranxos florais), isaura & amanda (moda nupcial, festa e infantil); Loyma (xoiaría); Noar Novias (traxes noiva e festa); Nico y Nicoletta (moda infantil); Paris Diffusion (perruquería e estética); Passion Novias (moda noiva e festa); Quique Martínez (estilismo); Rosa Clará (Moda noiva e infantil); Sommera (moda festa) e Totallity Group (montaxe son e iluminación). Esta actividade estivo coordinada pola Axencia Luena que achegou ademais unha trintena de modelos. Todas estas firmas aseguraron a organización dun evento 100% ourensán, xa que ademais todas elas contan con coleccións de fabricación e deseño propio.
Novidades na organización de eventos
Á hora de organizar un evento, os costumes evolucionan e moitas das parellas ourensás tenden a facer casamentos máis reducidos e familiares, aínda que o que máis se está a solicitar son as vodas temáticas e completamente personalizadas. Neste tipo de eventos os profesionais coinciden en que algúns dos elementos máis demandados está sendo a instalación de mesas doces e os “photocalls” e fotomatóns de “selfies” para a diversión e entretemento dos invitados.
Os visitantes que se achegaron ata o recinto esta fin de semana puideron descubrir tamén moitos tesouros escondidos na 2º Feira de Antigüidades, que destacou polo coidado e a calidade das mercadorías achegadas ata o pavillón dende toda a xeografía española e tamén dende Portugal e Francia. O interese espertado por esta oferta facilitará a organización de próximos certames deste tipo nos vindeiros anos, segundo manifestou a empresa promotora da mesma.
A vindeira cita no recinto feiral será xa este xoves día 12 de novembro, Día Mundial da Calidade, coa celebración, un ano máis, da Xornada de Exaltación da Calidade.