Fíxoselle entrega do cheque e do vehículo mercado, un Skoda Fabia.
María Sonia Gómez Villar recibiu este luns no concesionario de GADASA Ourense o cheque desconto de 6.000 euros que gañou ó mercar un vehículo e participar así no sorteo promovido pola Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.) e Expourense durante o 7º Salón do Automóbil que se celebrou durante dúas fins de semana de outubro no recinto feiral.
Un dos principais atractivos destas citas era este importante sorteo entre todos aqueles que mercaran o seu coche, tanto no salón do automóbil novo como no de ocasión. Entre os máis de 300 vehículos vendidos, A.C.A.U.T.O. realizou o pasado martes 3 de novembro o sorteo ante notario.
Este luns fíxoselle entrega á gañadora tanto do cheque desconto como do propio vehículo. O cheque foille entregado pola xerente de GADASA, Eva André Cendón, e pola directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez Bermejo. Tamén participarón nesta entrega o responsable da zona centro de ABANCA, Carlos Díez, o representante da C.E.O., Francisco Muñoz, e o marido da gañadora do sorteo, José Vázquez Conde. A afortunada acudiu a Expourense cunha “idea clara do coche que buscaba. A xerente de GADASA animoume a pechar a compra no salón para poder participar no sorteo e animeime, aínda que nunca pensei que me fora tocar realmente. Cando me chamaron dende A.C.A.U.T.O. para dicirme que me tocara o cheque de desconto pensei que me estaban tomando o pelo”.