Artesanos Gallegos de la Carne; Axencia Galega de Emerxencias 112; ICEACSA Grupo, Colexio Lar e Ataúdes Gallego, son os premiados deste ano.

 

“A calidade que vén”. Este é o lema do Día Mundial da Calidade 2015 que terá lugar este xoves 12 de novembro e que, como é habitual nos últimos anos, Expourense celebrará organizando unha Xornada de Exaltación que inclúe a entrega dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente. Esta xornada enmárcase nos actos da XXI Semana Europea da Calidade.

Esta iniciativa conta co apoio do IGAPE e ten como obxectivo sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices da calidade, co fin de prestar servizos eficientes e acadar a satisfacción do cliente.

Esta xornada inclúe unha mesa de apertura na que participan catro recoñecidos profesionais no eido da calidade, que analizarán o lema deste Día Mundial da Calidade “A calidade que vén”. Participarán o director de AENOR en Galicia, Martín Pita; o director xeral do Grupo HPS e de Serviguide, Manuel Galán; o director técnico de Galicia Calidade, Javier de Miguel e o director xerente de Expourense como entidade que promove o único acto celebrado en Galicia con motivo deste día, Alejandro Rubín.

V Premios Líderes en Calidade
Por quinto ano consecutivo, un xurado integrado polo Comité Executivo de Expourense, a entidade de certificación AENOR e a consultora Serviguide, apostan por entregar os premios “Líderes en Calidade” a empresas e entidades galegas. Estas pertencen aos sectores que máis preocupan ao cidadán como son a Alimentación, a Sanidade, a Educación ou o Medioambiente-Sustentabilidade; pero tamén ao empresario, como é o caso da Internacionalización, nun momento no que contar con estas certificacións convértese nun requisito case imprescindible á hora de exportar o produto.

A xornada comprenderá unha presentación de cada empresa ou institución distinguida sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade ao seu modelo de xestión. Con esta acción, o Padroado de Expourense pretende contribuir a poñer en valor o esforzo das organizacións que se dotan de sistemas que lles permiten competir mundialmente, independentemente da súa dimensión, e que poden servir de modelo a outras empresas.

As entidades elixidas como “Líderes en Calidade” polo Comité Executivo de Expourense no 2015 son, no Sector da Alimentación Artesanos Gallegos de la Carne (Lugo), no Sector Sanitario AXEGA – Axencia Galega de Emerxencias 112 (con sede en Santiago de Compostela); en Internacionalización: ICEACSA Grupo (A Coruña); en Educación o Colexio Lar (Vigo), e en Medioambiente: Ataúdes Gallego (de Piñor de Cea – Ourense).

O horario desta xornada será de 11.00 a 13.00 h. A entrada é libre pero require de inscrición previa a través de expourense@expourense.org ou do número de teléfono 988 36 60 30.