Jesús Vázquez

Establece un teito de gasto para 2015 de 94,8 millóns e para 2016 de 95 millóns.

O Goberno municipal recurriu este xoves á Xunta de Goberno local para aprobar o Plan Económico-Financieiro ao que obriga a lei logo de incumprir a regra do gasto no último exercicio. Este documento é necesario para reequilibrar o límite de gasto da Administración local, establecendo un teito de gasto para este 2015 en 94.856.000 euros e para 2016 de 95.019.000 euros. Neste teito non se contabilizan pago de intereses, amortización de débeda ou subvencións doutras administracións, polo que o alcalde augura para o ano próximo un orzamento municipal que supere os cen millóns de euros.

“Dada a situación económica do Concello de Ourense, unha vez liquidado o orzamento 2015, as previsións apuntan a que obteremos superávit orzamentario. Ese superávit permitirá amortizar débeda e executar inversións financeiramente sostibles”, comentou Jesús Vázquez. Este superávit, unido á existencia de remanente de tesouraría, permitirá aumentar os orzamentos segundo o Plan Económico Financeiro, ata o contorno dos 104 ou 105 millóns.

O documento será agora remitido á Xunta de Galicia, órgano que ostenta a tutela financeira do Concello, para a súa aprobación definitiva. O Goberno local xa traballa nun borrador dos orzamentos para 2016 e, unha vez se aprobe definitivamente o Plan Económico-Financieiro, “iniciaremos os trámites para negociar co resto de grupos”. Aínda que a lei lle dá a posibilidade de aprobar as contas en Xunta de Goberno local, a intención dos populares é que a aprobación se produza en pleno, a poder ser no primeiro mes do ano que vén. Con todo, o alcalde recoñece que non será doado chegar a acordos coa oposición, logo de que no pasado pleno lle botaran abaixo o Plan Económico-Financieiro.

Outros acordos
A Xunta de Goberno local tamén deu aprobación a seis obras de melloras viarias: no camiño dos Ponxos, na confluencia das rúas Xosé Ramón Fernández Oxea e Lugo, en varias rúas do Peliquín e de Rairo, no camiño de Abaixo na Loña, e nunha praza de Eirasvedras. Suman en total un investimento que ronda os 360.000 euros e todas elas son obras de execución inmediata.

A Xunta de Goberno tamén aprobou o concurso para o cartel de Nadal, que premiará con 400 euros ao traballo seleccionado. As bases están colgadas na web municipal.