Recaeron en Artesanos Gallegos de la Carne; Axencia Galega de Emerxencias 112; ICEACSA Grupo, Colexio Lar e Ataúdes Gallego.
Expourense celebrou este xoves unha Xornada de Exaltación da Calidade que incluíu a entrega da quinta edición dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa calidade e co medio ambiente.
Por quinto ano consecutivo, un xurado integrado polo Comité Executivo de Expourense, a entidade de certificación AENOR e a consultora Serviguide, apostaron por entregar os premios “Líderes en Calidade” a empresas e entidades galegas. As galardoadas este ano foron, no sector de alimentación, Artesanos Gallegos de la Carne (Lugo), no sector sanitario, a Axencia Galega de Emerxencias 112 (con sede en Santiago de Compostela); en internacionalización: ICEACSA Grupo (A Coruña); no sector da educación, o Colexio Lar (Vigo), e finalmente en medioambiente Ataúdes Gallego (Piñor de Cea – Ourense).
A entrega de premios contou coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz, do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e do vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández, que estiveron acompañados por representantes do Padroado de Expourense, ademais de polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro. Durante a súa intervención, a delegada da Xunta destacou que “esta xornada serve para lembrarnos a importancia de sumarse a modelos de xestión baseados na calidade que non só reforzan a competitividade dunha empresa, senon que ademais melloran o proceso produtivo, eliminan custos, conseguen unha maior implicación dos traballadores e elevan os índices de satisfacción de clientes e usuarios; e en definitiva, axudan as empresas a posicionarse nun mercado global. A calidade, a innovación, a responsabilidade social e o compromiso co Medio Ambiente son hoxe en día a mellor carta de presentación dunha empresa para competir nun escenario global.”.
Esta iniciativa contou co apoio do IGAPE e tivo como obxectivo sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices da calidade, co fin de prestar servizos eficientes e acadar a satisfacción do cliente.