Participación Cidadá quere levar as propostas formativos e participativas ás 57 asociacións co obxectivo de que cheguen a máis de 2.500 veciños.

 

A Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ourense abriu o prazo para presentar proxectos formativos e participativos para se impartir na programación de cursos do ano 2016 que se celebrarán nas 57 asociacións de veciños da cidade. Estes cursos rexeranse, por vez primeira, segundo o disposto nunhas bases que responden aos principios de liberdade de acceso, publicidade e transparencia, non discriminación e igualdade de trato entre todos os candidatos a impartilos, e chegarán a máis de 2.500 veciños, socios e socias das diferentes entidades veciñais.

Todos os profesionais interesados en participar como docentes neste programa municipal poderán presentar os seus proxectos no Rexistro Xeral do Concello. Os proxectos poden abarcar distintas disciplinas, e non só será formación académica, senón tamén pode ser práctica e de lecer. O prazo para presentar estes proxectos permanecerá aberto ata o próximo 5 de decembro

Estas bases están dirixidas a persoas con titulación académica ou cunha experiencia laboral dilatada e que queiran transmitila ao colectivo veciñal. A selección farase en base a unha valoración realizada por unha comisión técnica encargada de avaliar os proxectos que se presenten, tendo en conta a súa orixinalidade, a viabilidade dos mesmos e o atractivo que puidesen ter para a poboación do municipio.

As bases poden consultarse na páxina web da Concellería de Participación Cidadá (participacion.ourense.es, no apartado de novas) e na páxina web do Concello Ourense.gal.