Ateneo, Centro Comercial Ponte Vella e Liceo acollerán os cinco concertos entre o luns e o venres.

A programación complementaria do Festival de Cine Internacional de Ourense acollerá cinco concertos durante a semana de proxeccións. O primeiro terá lugar o luns 16, ás 20:30 horas no Ateneo a cargo do Grupo de canto e instrumentos tradicionais do Ateneo de Ourense. Trátase dun colectivo integrado por quince compoñentes e dirixido pola profesora Luísa Campos. As cancións do seu repertorio son recollidas en diferentes localidades da xeografía galega e constitúen unha fermosa maneira de manter vivo o noso folclore e a memoria histórico-cultural.

O martes 17, ás 21:00 horas, no Centro Comercial Ponte Vella, está previsto o concerto de Delicatessen Group, que se formou a finais dos anos 90 por Goran Strbac (Croacia), José Manuel Jardón e David Cid (Galicia). Quince anos despois, Jardón ten idea de volver a revivir aqueles anos e xuntar de novo á banda, aínda que sen poder contar con Goran, que será substituído polo guitarrista ourensán Adrián Rey.

O mércores 18, ás 21:00 horas, tamén no Centro Comercial Ponte Vella, será Jambo Quartet Jazz quen ofrezca o seu concerto. A grupo formouse no ano 2003 e fai unha música que percorre estilos coma o funky, a bossa ou o blues, mais sempre dándolle a súa propia identidade. A formación está composta por Yago Mouriño (piano), Xosé Luis Miguélez (saxo tenor), David Cid (baixo) e Antonio Romero (batería).

O xoves 19, ás 22:30 horas, será o Liceo o que acolla aos Raindogs, a banda ourensá formada por Tony Sánchez (voz), David Cid (baixo acústico e voces), Fernando Calvo (guitarra e voces) e Xoan Antón Losada (batería). O rock, o jazz e a propia improvisación maniféstanse nun repertorio que pasea polos máis destacados clásicos americanos atemporais.

Por último, o venres 20, ás 21:00 horas, no Centro Comercial Ponte Vella, The Teta’s Van chegará coa revolución en feminino. Un grupo de rapazas, na súa maioría, que pretende pór patas enriba o ambiente das salas coas súas músicas. Especialistas en versións, o seu obxectivo é divertir reivindicando e loitando contra as inxustizas a través da lingua galega.