Equipo de

A película do director galego Simón Casal será proxectada esta noite no Auditorio de Ourense, dentro da gala inaugural do Festival de Cine Internacional de Ourense.

“Lobos Sucios”, unha película sobre a explotación da minas de wolframio ourensás na Segunda Guerra Mundial , abre este sábado, a partir das 20:30 horas, a 20ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. A película reflicte a historia de dúas irmás que residen nunha zona rural illada. Unha traballa no lavadoiro da mina e a outra dedícase ao estraperlo nas montañas. A trama empeza cando un espía belga ten a misión de facer unha sabotaxe no cargamento que van enviar os nazis ás fábricas de armamento en Alemaña. Trátase dunha historia que combina misticismo, aventura, intriga e amor.

O filme foi presentado esta mañá por parte do seu equipo, co director, o coruñés Simón Casal, á cabeza. Xunto a el, a actriz Marián Álvarez, que encarna a unha das irmás protagonistas (Manuela), e os actores Pierre Kiwitt, Ricardo de Barreiro e Manuel Esperante,e dúas das súas produtoras.

Todos eles destacaron que se trataba dunha historia “completamente desconocida” (Pierre Kiwitt) e “interesante e necesaria” (Ricardo de Barreiro) e que “hay que contar” (Marián Álvare). A actriz resaltou, asemade, que o seu era “uno de esos personajes que una no puede rechazar” e considerou importante “que se cuenten historias desde el punto de vista de las mujeres”.

Os membros do equipo tamén coincidiron no duro da rodaxe, con moitas localizacións diferentes, unha choiva incesante e mesmo gravacións nun túnel a 500 metros no interior dunha mina. “É unha película de pantalla, absolutamente cinematográfica “, definía Paula Cons, da produtora Agalla Films.

Logo da súa estrea mundial no Festival de MIll Valley (EEUU) e do seu paso polo Festival de Cine de Ourense, o filme ten prevista a súa estrea en salas comerciais no primeiro trimestre de 2016. Antes teñen pendente de confirmar a súa presenza nalgún outro festival de cinema europeo.

Proxeccións do domingo

Na primeira xornada na que haberá cine nas salas deste 20 OUFF, a deste domingo 15, está prevista a proxección de seis filmes da sección oficial (“Dark horse”, “La decisión de Julia”, “El comienzo del tiempo”, “La vida después”, “The sinking of Sozopol” e “Killing time”) así como doutras tres das sección paralelas (“Caché”, na sección 20 Anos e “Refugiado” e “Cautivos” en Inédito en Ourense). Ademais, a xornalista, escritora e guionista Elvira Lindo recibirá o Premio Mellor Guión Adaptado nunha gala no Teatro Principal na que se proxectará “Una palabra tuya”.

Os horarios e salas das películas poden consultarse na axenda desta web.