A Concellería de Asuntos Sociais repartirá xoguetes a 470 menores en risco de exclusión social en Ourense.
O Concello de Ourense presentou este luns no Fogar do Transeúnte a campaña de recollida de xoguetes ‘Cumprindo ilusións’, que trata de sensibilizar e educar sobre situacións de desigualdades sociais e económicas na nosa cidade, e ao tempo facer do Nadal unhas datas especiais para todos, especialmente para os 470 menores en situación de risco de exclusión social, segundo os datos da Concellería de Asuntos Sociais que dirixe Sofía Godoy. Ademais de entregarlles xoguetes novos, como todos os anos, estes case 500 menores recibirán os doados polos cidadáns de Ourense.
Nesta actividade, realizada en colaboración coa Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES) e a Consellería de Política Social, colaboran tamén reclusos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar e usuarios da Unidade de día de Condutas Adictivas, así como voluntarios implicados nas actividades da Concellería de Voluntariado.
“Na actualidade existen moitas familias que están a pasar unha situación difícil a consecuencia da crise económica”, aseguraba a concelleira Sofía Godoy, responsable das áreas de Asuntos Sociais e Voluntariado. “Ourense quere vivir o Nadal facendo un récord en solidariedade pero, sobre todo, procurando que ningún neno quede sen xoguetes este Nadal”. Aprender a xogar é o primeiro paso para saber como relacionarse e comunicarse, unha cuestión fundamental para calquera persoa. Para iso, repartiranse caixas entre comercios da cidade (O Couto, A Ponte, Centro Comercial Aberto, Ponte Vella), centros educativos e dependencias municipais, nas que a xente poderá depositar os xoguetes aos que non lle dea uso. As doazóns empezaranse a recoller o 18 de decembro.
Será a primeira ligazón da “cadea solidaria”, en termos de Raquel Crespo, de APE: “os xoguetes serán recollidos polos voluntarios do Concello e pasarán polas mans dos reclusos do Pereiro, que os arranxarán e pasarán ao Fogar de Transeúnte, cuxos usuarios se encargarán de facer os paquetes agasallo que serán repartidos posteriormente entre quen máis os necesite”, dixo. Os xoguetes que sobren desta primeira entrega serán distribuídos entre outras entidades ou organizacións que traballen con grupos vulnerables. Do mesmo xeito, o departamento que dirixe Sofía Godoy quere ir creando un banco de xoguetes para repartir ao longo do ano entre os menores que celebren os seus aniversarios.