Premios da Federación de Comercio

A entrega de premios puxo fin á campaña “En Ourense, merca e reláxate”, iniciativa que repartiu 50.000 cupóns de participación.

A Federación de Comercio de Ourense entregou os premios da segunda edición da campaña de promoción do comercio local “En Ourense, merca e reláxate”. O acto desenvolveuse na sede da Confederación Empresarial de Ourense e puxo o colofón a una acción que repartiu premios por un valor superior aos 3.000 euros e que dende o 9 de outubro permaneceu vixente ata o 9 de novembro vinculando comercio, turismo e termalismo como pilares fundamentais do crecemento desta cidade.

Mediante un sistema de tarxetas tipo rasca os clientes dos establecementos asociados participantes optaron a premios vinculados ao uso termal como xesto de apoio á difusión e á promoción do termalismo en Ourense. Concretamente, algúns dos consumidores do comercio local resultaron agraciados con 14 estancias para dúas persoas en balnearios do Grupo Caldaria, 350 circuítos termais e, outros 50 con baño de chocolate incluído, nas Termas de Outariz Ourense Spa.

Os establecementos asociados tiveron a liberdade para decidir a cantidade a partir da cal obsequiaban aos seus clientes cunha tarxeta tipo rasca de participación. Tiveron acceso á campaña todas as persoas maiores de 18 anos que realizaron compras ou solicitaron un servizo nalgún dos establecementos do comercio local ourensán.

Esta campaña é unha das moitas actuacións que a Federación de Comercio de Ourense leva a cabo ao longo do ano e que vai encamiñada á revitalización do comercio de proximidade, á incentivación do consumo e ao esforzo por apoiar ao Concello na súa xestión sobre un eixe de desenvolvemento fundamental para o crecemento de Ourense, como entenden os comerciantes que é o turismo e o termalismo.