É un punto de encontro coa mocidade.
As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) presentaron no Campus de Ou-rense acompañados da candidata ao Congreso, Rocío de Frutos, a campaña da Oficina de Dereitos Perdidos, pola que habilitan un espazo de encontro coa mocidade para que poidan expor todo o que desexen e coñezan de primeira man as propostas socialistas para levar un cambio drástico nas políticas destinadas a este colectivo.
O secretario Xeral das XSG, Aitor Bouza lamenta que “as únicas propostas que teñan que presentar dende o Partido Popular tras anos de desmantelamento do ensino público é que sobran estudantes da Universidade, en vez de dicir que faltan prazas que é o que eles non comprenden. Ao final todo resúmese a unha cuestión de ideoloxía rancia e desfasada”.
Bouza alertou que “é escalofriante ver como o PP mostra a súa verdadeira ideoloxía con estas declaracións, por iso nós temos claro que un sistema público e universal é posible e que non pode depender do nivel da renda dos teus país”. O dirixente socialista afirmou que “as bolsas deben ser un dereito e así o levaremos a cabo cando a partir do 20 de decembro, Pedro Sánchez sexa o vindeiro presidente do Goberno.”
Bouza afirmou que “O Partido Popular leva toda a vida dándolle ás costas á mocidade, pero nestes últimos catro anos non só se puxo de costas, senón que atacou de forma frontal para que a mocidade marchase e non lles computasen no índice do paro en España. En consecuencia, comprometémonos a levar a cabo un Plan de Repatriación de toda a mocidade dispersa que tivo que coller unha maleta e deixar atrás a súa terra para poder ter unha vida mínima.”