Jesús Vázquez, Ethel Vázquez e Marisol Díaz

Esta primeira fase completarase coas obras que asumirá a Consellería de Cultura.

A Xunta presentoulle este venres ao Concello de Ourense o proxecto básico de execución da primeira fase das obras na ponte Romana, no transcurso dunha xuntanza de traballo entre o alcalde, Jesús Vázquez, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

A conselleira destacou que o estado xeral estrutural da ponte é “bo” pero as actuacións previstas permitirán que a que é un dos principais emblemas e reclamos turísticos da cidade teña “unha mellor imaxe”.

Este proxecto, cun orzamento que supera os 300.000 euros, contempla a reparación da calzada e a renovación da iluminación da ponte. Polo que respecta á calzada, igualarase o pavimento, empregando como único material o adoquín. Como medidas complementarias eliminaranse os graffitis pintados na ponte e nas edificacións anexas e retiraranse os elementos engadidos á fábrica da ponte.

A responsable de Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou que a actuación máis ambiciosa será a substitución da iluminación, xa que a actual quedou obsoleta e mingua o valor estético do monumento. Precisou que se substituirán as actuais luminarias e os grandes focos que proxectan a luz cara aos alzados da ponte; e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética, un aforro no consumo e unha menor contaminación lumínica. A esta partida dedicáranselle 174.000 euros.

O alcalde avanzou que a execución das obras non interferirá demasiado no tráfico peonil que transita a diario por esta ponte, xa que o cambio no adoquín se fará por pequenos tramos, permitindo así o paso.

Ethel Vázquez anunciou que está previsto que se licite a obra no DOG na primeira semana de decembro, co obxectivo de que estea en execución no primeiro trimestre de 2016. Os traballos teñen unha duración estimada de tres meses.

Obras da Consellería de Cultura
De xeito complementario e nesta mesma primeira fase, a Consellería de Cultura tamén actuará na ponte Vella, tal e como explicou o alcalde, Jesús Vázquez, cun investimento que rondará os 250.000 euros. Neste caso as obras centraranse na retirada dunha tubaxe e na restauración dun sillar.

Xa nunha segunda fase, que asumirá por completo Infraestruturas, actuarase en toda a contorna da ponte.

Rematarase así un conxunto de medidas programadas para a posta en valor deste ben patrimonial que comezaban na pasada primavera.