Deseñaron un vehículo de inercia utilizando un sistema de balanceo baseado no Carver Surfer, un monopatín experimental de BMW.

O innovador sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores desenvolvido por alumnos vascos é o gañador absoluto da Galiciencia 2015, na súa edición especial de décimo aniversario. O proxecto impúxose entre as 54 propostas de Secundaria que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2016. O xurado valorou especialmente a sofisticación da tecnoloxía desenvolvida e as probas realizadas para testala.

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca, correspondeulle ao proxecto técnico para a construción da Galinercia, a carrilana de tecnoloxía punta que tanta expectación levantou entre os visitantes polo seu sofisticado prototipo. Alejandro González e Anxo Carpintero, do CPR Plurilíngüe Santa María-Maristas de Ourense, deseñaron un vehículo de inercia utilizando un sistema de balanceo baseado no Carver Surfer, un monopatín experimental de BMW, equipado con todas as medidas de seguridade establecidas pola Federación de Deportes de Inercia e construído con aceiro de carbono, aluminio e fibra de vidro. O equipo foi recoñecido tamén co premio ao proxecto coa mellor comunicación e presentación oral.

En terceiro lugar quedaron Pablo Lomba e Iago Vázquez do Colexio Montecastelo de Vigo, co seu sistema para obter enerxía a partir da circulación de vehículos e persoas, que recibiron unha axuda de 200 euros para asistir á feira científica da Coruña. O seu proxecto baséase en conseguir aforro enerxético mediante o uso de materiais piezoeléctricos que, introducidos nas baldosas e calzadas da rúa, recargarán unhas baterías a partir da enerxía producida polo paso da xente e dos vehículos que permitirían abastecer de enerxía tanto farois como semáforos.

Máis recoñecementos

Este ano, como novidade, outorgáronse tamén recoñecementos a varios proxectos con base en habilidades e temáticas concretas. Así, a camiseta deportiva con LED preventiva para problemas de corazón foi proxecto máis innovador.
Pola súa banda, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi a investigación para a recuperación da memoria histórica da Illa de San Simón, levada a cabo por alumnos do Colexio Alborada de Vigo.

O premio ao mellor proxecto de humanidades foi para “Nin perdoo nin esquezo”, dun estudante de Barcelona que elaborou este documental sobre unha familia republicana que se viu obrigada a exiliarse a Francia durante o final da Guerra Civil Española.

No acto de clausura entregáronse tamén os premios dos concursos de fotografía e de deseño da camiseta oficial da Galiciencia. Os gañadores do de fotografía foron a profesora Antía González, do Colexio Alborada de Vigo, e o alumno Juan Bembibre, do IES Carlos Casares de Vigo. O do deseño da camiseta foi para Luis Feijoo do Colexio Luis Vives de Ourense. A deseñadora da mascota oficial, Sira Ricoy, recolleu tamén o seu premio.