Haberá carriños nos supermercados da cidade e petos en máis de 300 comercios.

Baixo o lema “Es+cando quilaboras, somos+cando compartimos”, a Asociación Xuvenil Amencer pon en marcha como ca véspera de Nadal unha nova Operación Quilo, unha campaña de sensibilización dos empobrecidos da nosa cidade, que este ano chega á súa 29 edición.

De novo, nos súpers da cidade colócanse até o 19 de decembro carriños da compra co cartel da Operación Quilo onde a xente pode botar alimentos non perecedoiros que desexe. Así mesmo, en máis de 300 comercios colócanse petos para unha recadación económica, que será integramente adicada á compra de alimentos. Ademais, a partir da Ponte da Constitución pódense deixar en Amencer xoguetes en bo estado para as familias que menos teñen.

Cáritas será a encargada do reparto de todo o recollido.

Empresas e entidades deportivas
Dende Amener animan ás empresas de alimentación e xoguetería que poidan a que aporten algúns dos seus produtos. E ás entidades deportivas que nun partido que disputen en Ourense pidan aos seus afeccionados a que aporten un quilo de comida, así como a colocar recipientes no campo.

Así mesmo, convidan á clientela das perruquerías da cidade a colaborar coa Operación Quilo doando 2 euros polo servizo que contraten. Como xesto, entregaráselle a cada persoa un lazo laranxa (símbolo da colaboración coa Operación Quilo). O diñeiro recadado empregarase para a compra de alimentos non perecedoiros.

O teu peso en quilos
Por último, pídenlle a representantes dunha entidade, partido político, organismo público colaborar achegando o equivalente ao seu peso en quilos de alimentos non perecedoiros.