Allariz e Celanova son dous dos municipios que se incorporaran a esta rede destinada a localidades sen salas comerciais.
O circuíto ‘Cinemas de Galicia’, a rede municipal de exhibición cinematográfica xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ampliarase a 10 concellos en 2016 coa incorporación de Allariz, Celanova, Cedeira, O Grove e Cariño. Estes cinco municipios sumaranse aos do Carballiño, As Pontes de García Rodríguez, Foz e Redondela, que repetirán o ano que vén como sedes deste programa a través do que se achega o cinema en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais.
O XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) acolleu este venres a presentación dun avance da nova edición de ‘Cinemas de Galicia’, que se desenvolverá a partir do mes de marzo como resultado da colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais, as produtoras galegas e as distribuidoras cinematográficas.
Como explicou o director da Agadic, o programa mantén o mesmo dobre obxectivo co que botou a andar como experiencia piloto a finais de 2014: incrementar o número de pantallas da nosa Comunidade e ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Neste sentido, poñerase a disposición dos programadores municipais un novo catálogo de películas cunha presenza destacada do cinema galego xunto a producións españolas e europeas avaladas pola crítica e por importantes premios e festivais.
Sección especial no OUFF
Dous dos filmes deste novo catálogo, aínda en fase de elaboración, exhibíronse este venres no OUFF dentro da sección especial ‘Cinemas de Galicia’, que forma parte –á súa vez– dunha serie de accións de difusión do audiovisual galego que a Agadic está a promover en colaboración co festival ourensán. Trátase da película de animación ‘Meigallos’ e do documental ‘Os días afogados’, que foron presentadas aos medios respectivamente por Juan de Dios Serrano, de Agallas Films; e Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico.