Redución do IRPF e axudas a fondo perdido a pemes ou para o establecemento como auntónomos son algunhas das medidas do Goberno galego.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu este venres a un xantar-coloquio con AJE Ourense. Nesta xuntanza, o presidente da Xunta asegurou que “facer as cousas ben e a tempo é o que permite agora adoptar novas medidas de apoio aos emprendedores e eliminar o imposto de sucesións”. Feijoo destacou que Galicia está iniciando o camiño da recuperación e que o principal desafío que afronta agora o Goberno galego é o de facer do noso país un “lugar estable, previsible, integrado e artellado”.

Ao fío disto, Feijóo recordou que o paro en Galicia leva 24 meses consecutivos descendendo, -hoxe temos 63.000 parados menos-, e que a nosa comunidade acumula sete trimestres seguidos de crecemento económico. Datos que son igualmente positivos no caso das exportacións, engadiu, que ata setembro foron un 4,4% superiores ás de 2014.

Apoio aos emprendedores
Por outra banda, Feijóo mencionou tamén o programa de préstamos directos Jeremie, as axudas a fondo perdido a pemes, ou as distintas axudas para o establecemento como autónomo ou por conta propia que se impulsaron nos últimos anos.

Unhas actuacións que, tal e como recordou, terán continuidade no 2016, con medidas de apoio aos emprendedores que inclúen “a maior rebaixa fiscal de impostos da historia de Galicia”: coa redución do IRPF, a eliminación do Imposto de sucesións para o 99% dos galegos e imposto cero no rural ou a 3ª edición do Programa Conecta Peme. Así como a achega de 40 millóns de euros a programas de emprendemento, traballo autónomo, cooperativas e sociedades laborais.