Terá lugar os días 26 e 27 de novembro e acollerá as últimas innovacións nos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa.
Ourense convertirase os vindeiros días 26 e 27 de novembro no epicentro da innovación nos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa coa celebración do congreso Agrobiotech Innovación, que se celebrará no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole.
É “unha oportunidade para o intercambio de experiencias entre as nosas pemes, para o establecemento de novas relacións empresariais nunha contorna internacional e para a proxección de Ourense e de toda Galicia, xa que a cita permítenos situarnos como referente en tres sectores de carácter estratéxico”, así definiu esta iniciativa o director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela. Neste sentido, o encontro reunirá a máis de 300 empresas de España, Francia e Portugal.
Este programa Agrobiotech é unha iniciativa novidosa dotada con 700.000 euros que a Xunta puxo en marcha a través da Gain para completar os seus instrumentos de apoio á aceleración da innovación. Como lembrou o director da Gain, o programa desenvolveuse en dúas fases. Na primeira, 11 empresas dos sectores da biotecnoloxía, a biomasa e a agroalimentación beneficiáronse de itinerarios de innovación individualizados, adaptados ás súas necesidades, para incrementar a súa competitividade. Na segunda, máis de 200 empresas galegas participaron en 9 talleres de capacitación sobre aspectos estratéxicos: xestión, financiamento, liderado de produto e comercialización e internacionalización. Ademais, no marco do programa celebrouse a edición deste ano da Lonxa de Investidores Bio, na que 7 emprendedores do sector da biotecnoloxía presentaron os seus proxectos ante 15 fondos de investimento para abrir oportunidades de financiamento.
Poñentes internacionais
A directora financeira da Tecnópole, Luisa Pena, destacou a colaboración de Bioga e doutras entidades como Asebio, o Cetal e o Clúster Alimentario de Galicia na organización do congreso, “entidades estratéxicas destes tres sectores que coñecen mellor que ninguén as necesidades de intercambio de coñecemento das súas empresas”.
Pena lembrou que 45 expertos a nivel internacional ofrecerán entre o xoves e o venres un total de 15 ponencias sobre temas como os alimentos e cosméticos funcionais, os biocombustibles de segunda xeración, experiencias de éxito na promoción da agricultura ecolóxica e novas fórmulas para mellorar a vida útil dos produtos lácteos, entre outros. No grupo de ponentes atópanse representantes de empresas como Bayer, AstraZéneca, Unilever e Glaxo Smith Kline (GSK); e de entidades de investigación como AgroParisTech, o Centro de Investigación en Nutrición e Envellecemento da Universidade de Tufts (Boston) e a Universidade de Porto.
Ademais, unha grande área de exposición gratuíta permitirá a 34 empresas e profesionais mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións; e habilitarase un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais.