Máis de 3.000 escolares participarán activamente no Parque Infantil de Tráfico, e case 2.000 escolares máis farano a través de actividades educativas paralelas.

 

O Concello de Ourense impartirá clases de educación viaria, prevención e seguridade a 5.139 alumnos a través do Parque Infantil de Tráfico que se inaugurou este luns nas instalacións de Expourense. Esta actividade, coordinada desde as áreas de Educación e Tráfico, vai dirixida ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da cidade, e prolongarase até o mes de xuño a través de diferentes actividades realizadas nos propios centros ou na rúa.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou na presentación do Parque que “estamos ante unha actividade que fai futuro, que senta as bases necesarias e precisas para construír unha sociedade mellor”. Así, “o Parque Infantil de Tráfico é unha desas actividades que enorgullecen a calquera alcalde, sexa cal sexa a súa ideoloxía. Porque inculca valores e o máis importante: contribúe a salvar vidas, a que os nenos de hoxe sexan os condutores responsables de mañá”, dixo o rexedor..

En total, son 30 os centros apuntados, sendo os de 5º de Primaria do CPR María Auxiliadora os primeiros en asistir ao Parque. Para o curso 2015-16 serán 3.187 os alumnos que participarán especificamente nas actividades do Parque Infantil de Tráfico instalado en Expourense, e que se sumarán aos 1.852 que asistirán ao resto das actividades de Educación Viaria: a Semana Europea da Mobilidade, visitas á Policía Local, charlas sobre primeiros auxilios e participación en campañas que organizan diferentes institucións coma a DGT ou o RACC, así como asociacións como STOP accidentes ou PAT Galicia, e que se levan a cabo en horario extraescolar.

Como actividade destacada dentro desta oferta educativa do Concello de Ourense, os monitores do Parque Infantil de Tráfico prepararán fóra das horas lectivas ao alumnado que participará no XVIII Concurso Provincial de Educación Viaria.