Esta actuación executouse ao abeiro dun acordo de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, segundo o cal a Administración autonómica financia o 56,4 % das obras e a local, o resto.
A delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, salientou que as melloras executadas na praza de abastos nº1 de Ourense serán o punto de arranque para un novo impulso a este mercado. Díaz Mouteira visitou este recinto comercial no que se vén de instalar un ascensor co obxectivo de mellorar a accesibilidade dos clientes aos diferentes postos emprazados nas dúas plantas deste mercado. Na visita estivo acompañada polo alcalde ourensán, Jesús Vázquez, e o presidente da Asociación de comerciantes da praza, Emilio González.
Esta actuación executouse ao abeiro dun acordo de colaboración asinado entre a Xunta e o concello de Ourense, segundo o cal a Administración autonómica financia o 56,4 % das obras e o concello asume o resto do financiamento. Dentro deste plan de mellora incluíuse tamén o cambio do solado do mercado.
O apoio a este proxecto forma parte da estratexia específica de impulso ao sector comercial que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria. A delegada territorial subliñou que un dos eixos da estratexia desta Consellería para impulsar a mellora competitiva do comercio galego, ao abeiro do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, é a potenciación das prazas de abastos, avanzando así no obxectivo de consolidar os mercados municipais como líderes na venda de produto fresco e de calidade.
Plan de Mercados Excelentes
Neste senso, Díaz Mouteira lembrou que o departamento autonómico dirixido por Francisco Conde está a traballar no Plan de Mercados Excelentes, que se presentará antes de que remate o ano, “un programa que contará con medidas específicas para que as prazas de abastos logren a excelencia centradas en eidos como a mellora da imaxe e a atención ao cliente, os servizos e os equipamentos” .
“É preciso acondicionar estes espazos ás necesidades actuais, tanto dos comerciantes como dos consumidores, co fin de que melloren a súa atracción comercial” afirmou Marisol Díaz. Ademais, destacou que o Plan de Mercados Excelentes busca “continuar modernizando os que son os máis importantes centros de dinamización do comercio de proximidade” e contemplará iniciativas para reforzar o emprendemento nas prazas, entre as que se atopan o impulso á apertura de novos establecementos en mercados de baixa ocupación.