É a medida máis eficaz para minimizar o impacto desta enfermidade, que o pasado ano causou 5.491 casos na provincia, dos que 30 foron ingresados e 4 falecidos.

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense organizou un acto de promoción da vacinación fronte a gripe dirixido aos traballadores da Administración autonómica, maiores de 60 anos ou con algunha enfermidade crónica que se celebrou no Servizo de Control de Riscos Laborais a cargo do persoal de Enfermería do Centro de Saúde Valle Inclán desta capital. Esta iniciativa, coincide co ecuador da campaña de vacinación antigripal 2015, que rematará o dia 19 de decembro, que está a desenvolver a Consellería de Sanidade co obxectivo de minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, xustificou este acto de promoción entre o persoal ao servizo da Administración autonómica indicando que o virus da gripe é responsable dun 12% das ausencias laborais durante a tempada da gripe, prolongándose estas baixas un mínimo de 5 días.

“A vacinación continúa a ser a mellor maneira de previr a gripe”, afirmou Díaz Mouteira, ao mesmo tempo que lembrou que a campaña está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos obxectivo da vacinación antigripal as persoas con condicións crónicas de risco, mulleres embarazadas, e persoas ingresadas en institucións pechadas.

Puntos de vacinación
Os ourensáns contan para a actual campaña antigripal, cun total de 184 puntos de vacinación aos que poden acudir para recibir as correspondentes vacinas, entre os que se atopan a totalidade dos centros de saúde do Sergas. Ademais, co obxectivo de ofrecer aos usuarios unha maior accesibilidade e achegar a vacina ao maior números de cidadáns, o persoal de enfermería de Atención Primaria desprázase as asociacións de veciños, centros socias, residencias de anciáns, etc.

Ata o momento, e no que vai de campaña, en Ourense téñense rexistrado máis de 62.000 doses administradas, das que 51.753 foron en poboación de 65 ou máis anos. Estes datos reflicten que seguemos a ser a provincia con maior cobertura de vacinación nese grupo de idade: 53,61% estando por riba da media de Galicia 6,36 puntos. Cómpre lembrar que Sanidade marcouse como obxectivo acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a a devandita poboación e, ao igual que o ano pasado, está a facer un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden.

Segundo os datos da Xefatura Territorial de Sanidade, dos case 5.500 casos de gripe notificados na provincia o pasado ano, 30 pacientes precisaron ingreso e 4 faleceron.