A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude de Ourense presentou a segunda iniciativa do ciclo de actividades ocio-culturais coas que busca facer visible a problemática existente co actual modelo de xestión da instalación.
Este colectivo lembra que o ciclo, co título de ”O outono da Casa”, pretende recoller e amosar algunhas das actividades que historicamente se facían na Casa da Xuventude.
A segunda das iniciativas que inclúe a serie é unha mostra de micro teatro que terá lugar o domingo 29 de novembro de 17:30 a 19:30 horas no Centro Cívico da rúa Colón e Casa da Maxia. Trátase dunha especie de roteiro teatral e escénico con pequenas representacións de pezas de entre 10 e 15 minutos que levarán a cabo distintos grupos que estean ou estiveran vencellados coa Casa da Xuventude.
Cada grupo ocupará un dos 4 espazos cedidos e os espectadores irán percorrendo as diferentes estatancias disfrutando desas pequenas pezas creadas polos grupos participantes. Así a danza, performance, comedia, drama etc. mestúranse para conformar este roteiro teatral de estilos moi diversos.
A entrada será de balde e as representacións realizaranse para grupos de 10 a 15 persoas como máximo debido ao pouco espazo que teñen as salas. Así, a actividade realizarase por tandas facendo que os artistas repitan as súas representacións tantas veces sexa necesario atendendo ao número de espectadores que asistan. Isto provoca que non haxa límite de espectadores. A única limitación será as dúas horas das que se dispoñen para realizar o roteiro teatral.
A Plataforma convida a toda a cidadanía para que se achegue a compartir con ela o talento dos grupos ourensáns participantes.