Esta iniciativa conta coa achega de 42.000 euros do Plan Nacional sobre Drogas e 18.000 euros da Administración local.
O Concello de Ourense, nunha aposta pola oferta lúdica e saudable, vén de anunciar unha nova edición de Ociourense Xove, o programa de lecer que organiza a Concellería de Saúde do Concello de Ourense. A novidade deste ano, segundo anunciou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, radica na implicación da área de Xuventude, que amplía e enriquece o programa con novas propostas coma a iniciación ao piragüismo, clases de mergullo, obradoiros de cócteles sen alcol, teatro ou cociña dirixidos a menores de 30 anos
Ociourense Xove está financiado polo Concello cun mínimo de 18.000 euros, mentres que o Plan Nacional sobre Drogas achega o 70% do seu custe: 42.000 euros que proveñen do fondo de bens decomisados polo tráfico de drogas. Desenvolverase durante as fines de semana de tres meses, comezando no de febreiro 2016, e trata de ofrecer unha alternativa de ocio para a mocidade en clave de lecer saudable e lonxe das drogas e do alcol.
Outros acordos
Outra das novidades anunciadas na Xunta de Goberno Local foi a aprobación da Mesa Local de Voluntariado, que quere ser un órgano colexiado de participación, de formulación de propostas e suxestións, en materia de políticas locais de voluntariado.
Así mesmo, aprobáronse axudas por un importe total de 82.026 euros para entidades sen ánimo de lucro de Ourense, tanto no ámbito cultural coma sanitario. Desta forma, dáselle luz verde a tres convenios de colaboración para a realización de actividades culturais por importe de 18.000 euros, que se repartirán a partes iguais entre o Ateneo, o Liceo e Cineclube Padre Feijóo. E no ámbito socio-sanitario, os convenios de colaboración establécense co Comité Cidadán Antisida (27.000 euros), a Fundación Monte do Gozo – Proyecto Hombre (18.513 euros) e Asociación ATOX (18.513 euros).
Por outra banda, fóra da orde do día, aprobáronse os plans de seguridade e saúde de tres obras, paso inmediatamente anterior ao inicio das mesmas. Trátase da adecuación da rúa de Atrás, en Cabeza de Vaca (cun orzamento de 47.586,57 euros), da rúa Manuel Fernández García, nas Lagoas (60.000 euros), e de diversas actuacións no núcleo urbano de Peliquín (59,994,18 euros).
E entre outros acordos, no eido cultural, aprobáronse as bases do Concurso de Escaparates de Nadal, para o que se destina un gasto de 1.900 euros, e as do Concurso de Beléns Públicos Nadal 2015, cun orzamento de .870 euros destinados a premios.