A asociacións de empresarios novos recoñeceu a Oeste Marketing, Eolicia, Aixiña e ao conselleiro de Economía, Francisco Conde.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este xoves na entrega dos premios anuais de AJE Ourense, recollendo un deles, o que recoñece ao mellor mentor do ano. Conde agradeceu o galardón, “que recibo con moita ilusión e que estendo a todo o equipo da Consellería que, cada día, traballa man a man coas empresas galegas para derrubar as barreiras ás que se enfrontan, e ofrecerlles asesoramento e solucións”.
Con ese esforzo, resaltou o conselleiro, “aspiramos a acompañarvos para facer realidade os voso soños de cambiar Galicia para mellor, facendo de ponte entre as vosas ideas e os vosos negocios”, mellorando un ecosistema emprendedor do que teñen emerxido os gañadores dos premios da asociación empresarial ourensá: Oeste Marketing, que recibiu o galardón á mellor Iniciativa Empresarial; Eolicia, que foi recoñecida durante a gala como mellor Empresa, e a Asociación Aixiña, á que lle foi entregado o premio ao Compromiso Social.
Conde subliñou aos gañadores como a “punta de lanza” de AJE Ourense, unha asociación que, defendeu, “amosa a capacidade empresarial desta terra”, sumando case un centenar de empresas que facturan máis de 21 millóns, empregan a preto de 200 persoas, e están presentes en 20 países. “Os membros de AJE Ourense teñen amosado a vontade de facer historia arriscando, aprendendo dos erros, ata converterse en parte dunha nova xeración de talento emprendedor ourensán”, dixo Conde, que subliñou o apoio do Goberno galego a ese espírito emprendedor.
O titular de Economía destacou, asemade, que Ourense, con 360 empresas creadas no que vai de ano, se sitúa á cabeza de Galicia na evolución do tecido empresarial con respecto a 2014, crecendo máis dun 4% e marcando o rumbo da comunidade.
O acto de entrega dos galardóns tivo lugar no Centro Municipal Ángel Valente, e contou coa presenza, entre outras autoridades, do alcalde, Jesús Vázquez, así como de representantes de organizaciones empresariais e entidades como Abanca ou o Igape.