Este domingo 29 de novembro Amigos da Terra convida aos ourensáns a participar nunha xornada dedicada á loita contra o cambio climático.
O 30 de novembro, líderes mundiais reúnense en París para comenzar a negociar o próximo acordo global sobre o clima, o 21 Cumio polo Cambio Climático tamén chamado COP21. É por iso que, o día antes, xente de todos os lugares do planeta, máis de 2.000 cidades por todo o mundo, vai saír á rúa a premer as súas e aos seus líderes, en todas as instancias do goberno, para que se comprometan a usar enerxías 100% limpas.
«Un mundo máis xusto socialmente, ambientalmente sostible e onde os dereitos dos pobos estean por diante dos intereses das grandes multinacionais é o horizonte co que traballamos organizacións civís de todo tipo ao longo do planeta», explican desde Amigos da Terra. Por iso a asociación ecoloxista convida aos ourensáns a participar nunha xornada dedicada á loita contra o cambio climático na cidade de Ourense.
Entre as 11:30 e as 13:30 haberá unha mesa informativa sobre a COP21 e o que se quere conseguir en París; tamén realizarán «Obradoiro de muíños de vento de papel» na Alameda. Nos muíños escribiremos as nosas peticións de cara a COP21 e colocaremos adhesivos de neon que permitan velos na escuridade.
Ás 19 horas haberá unha concentración na praza Maior de xente con muíños de vento elaborados esa mañá e o día anterior, disfraces de placas solares, persoas en bicicleta e, amenizado todo con percusión variada, camiñarán ata o punto central da ponte Romana, e alí deixarán que o vento leve as súas peticións ata París. Antes de saír leranse as peticións que varias das organizacións presentes queren facer aos representantes do noso goberno na COP 21.