O certame, organizado pola Deputación de Ourense, ten unha dotación económica de 12.000 euros.

 

A XXXIV edición do premio de novela longa «Eduardo Blanco-Amor» que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra “Os Kowa” de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer no Centro Cultural Marcos Valcárcel o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luis González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

Rosendo Fernández asegurou que este premio “amosa o compromiso que ten a institución provincial coa difusión e posta en valor da figura de Blanco-Amor, o autor que inmortalizou Auria na súa obra”.

O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros, outorgándoselle asemade ao premiado unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.

“Os Kowa” é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado.

Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega.

A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.