Ageitos, Rebanales e Piñeiro

Nunha moción conxunta que se debaterá este venres no pleno da corporación ourensá.

 

Os tres partidos da oposición no Concello de Ourense, Democracia Ourensana, Partido Socialista e Ourense en Común, levarán o debate sobre a denuncia contra o presidente da Deputación, ao consistorio ourensán.

Farano a través dunha moción conxunta que se debaterá na sesión plenaria deste venres 4 de decembro. Nela piden a “inmediata dimisión” de Manuel Baltar así como as súas desculpas aos ourensáns, “en particular ás vítimas da violencia machista, por ter ostentado unha representación que se ve manchada nestes intres polas noticias, sen que isto sexa un menoscabo a súa presunción de inocencia no ámbito penal”. Ademais, solicitan que a corporación municipal manifeste “a máis enérxica repulsa a estes feitos concretos en particular, e a tódolos tipos de violencia de xénero”.

Para explicar as motivacións desta moción, compareceron ante os medios de comunicación a socialista Juana Ageitos, Ana Isabel Rebanales de DO e Ledicia Piñeiro de OUeC. Ageitos insistiu en que se trata dunha moción “política” que non quere meterse na vida privada de Baltar, a quen lle reprochou que non desmentira ningunha das acusacións contra el. Na exposición de motivos, a moción alude a que nas gravacións publicadas “se aprecian indicios de presuntos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e abuso de posición”.

Rebanales aludiu a que a presunción de inocencia a efectos penais non impide que se lle esixan “responsabilidades políticas” ao presidente da Deputación, de quen dixo que está “desprestigiando” á institución. E Piñeiro colocou a Feijoo e a Rajoy nunha situación de “corresponsabilidade co que está a suceder na Deputación”. “A realidade é que levamos un mes con esto, reflectindo unha inacción total do PP”, apuntou.

A concelleira socialista xustificou que se trate este asunto no Concello de Ourense en que tamén se abordou no Parlamento galego e no europeo. A través do PSOE e de OUeC levarase tamén a outros municipios.

Preguntado por esta moción conxunta, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, deulle un carácter electoralista; «estamos a 20 días dunhas eleccións», dixo, e situouna no ámbito da premisa de «todos contra o PP».