As obras das rúas Fernández Oxea e tramo inferior de Lugo comezarán de seguido logo de aprobarse o plan de seguridade e saúde. No caso da rúa Xílgaro, na Carballeira, ábrese o expediente de contratación.

 

A Xunta de Goberno Local (XGL) do Concello de Ourense vén de celebrar unha sesión extraordinaria na que aprobou os plans de seguridade e saúde da adecuación da rúa Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) e o tramo inferior da rúa Lugo, presentado pola empresa Adecon, Edificios y Obras SL. Estas obras contan cun orzamento de 60.000 euros, proxecto aprobado na Xunta de Goberno do pasado 12 de novembro, e comezarán a executarse inminentemente.

Nesta reunión extraordinaria da Xunta de Goberno aprobouse, así mesmo, o proxecto de execución para as obras de acondicionamento, mellora de redes e adecuación da accesibilidade na rúa Xílgaro (A Carballeira), un proxecto con 60.495 euros de orzamento e para o que se abre, logo deste trámite, o expediente de contratación.

Estas dúas actuacións súmanse ás 11 que xa se puxeron en marcha neste mes de novembro, e para as que o Concello habilita máis de 700.000 euros destinados á mellora das infraestruturas nos barrios e no perímetro rural da cidade.