Fallo do 32º Concurso da Constitución

Os premios serán entregados no transcurso dun acto no Auditorio Municipal o vindeiro 6 de decembro.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, presidiu o fallo do Xurado da 32ª Edición do Concurso da Constitución que nesta edición contou con 1.040 traballos presentados e no que participaron estudantes de toda a provincia de niveis educativos que abranguen dende os 3 ata os 18 anos de 32 colexios. Os escolares tiveron como referencia temática: “Das Cortes Xerais” (Título III), Capítulo 1º “Das Cámaras”.

O subdelegado do Goberno sinalou trala valoración dos traballos, “que para os escolares a Constitución simboliza un feito ‘político’ de grande transcendencia e, á vez, representa o feito ‘xurídico’ máis importante, en canto que é ‘Lei de Leis’, e os principios, valores e dereitos nela recollidos informan ao resto do ordenamento xurídico. Pois a democracia non é nada sen sociedade civil e esta non pode existir sen cidadáns libres, que ao menos deben ter constancia do impulso interior de ser xustos e benéficos, porque soamente merece a liberdade quen sabe conquistala cada día”.

Castro tamén subliñou “que debemos aprender das leccións dos nosos nenos; alumnos que ensinan a mestres sobre os valores da igualdade, da cooperación, do esforzo e do traballo”.

Os 40 traballos gañadores distribúense polos colexios: Colexio Franciscanas: 7; IES Taboada Chivite de Verín: 1; Colexio Sagrado Corazón de O Carballiño: 1; Maristas: 4; Carmelitas: 5; Santo Ángel: 3; IES Otero Pedrayo: 2; CEIP Castrelo de Miño: 5; CEIP Manuel Luís Acuña: 2; CEIP Mestre Vide: 1; CEIP Prácticas: 1; CEIP Manuel Sueiro: 1; CEE o Pino: 2; CEIP Maceda: 1; CEIP A Ponte: 1; La Purísima: 1 e Colexio Miraflores: 2.

Xurado e premios

O xurado encargado de cualificar os traballos presentados estivo conformado polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro como presidente; Manuel Arias, Secretario Xeral da Subdelegación, como vicepresidente; Ana Paradela, funcionaria da Subdelegación como secretaria; Cristina Isabel Romero, Deputada do PP no Parlamento de Galicia: Raúl Fernández, Deputado do PSOE no Parlamento de Galicia e Secretario Xeral do PSOE en Ourense; María Belén Iglesias; Concelleira de Participación Cidadá, Educación e Cultura do concello de Ourense; José Fernández, Inspector de Educación e César Taboada, Director da Escola de Arte, Antonio Faílde.

As bases dos Premios da Constitución establecen dúas modalidades, de maneira que os 20 mellores debuxos de Infantil e Primaria recibirán un agasallo e un exemplar da Constitución; e os 20 mellores traballos da ESO, Bacharelato e FP serán galardoados cunha viaxe a Madrid para visitar o Congreso e o Senado.

Tralo fallo do xurado e a súa posterior comunicación aos premiados, os premios serán entregados no transcurso dun acto institucional, que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense o vindeiro 6 de decembro para conmemorar a festividade da Constitución.