A Unidade de Enfermidades Infecciosas alerta do ascenso na transmisión en relacións sexuais non protexidas, en especial entre homes.
Ante a conmemoración o 1 de decembro do Día Mundial contra a sida, a Unidade de Enfermidades Infecciosas do Complexo Hospitalario de Ourense, dependente do Servizo de Medicina Interna, desexa lembrar á poboación a importancia da prevención e da detección precoz, mediante o emprego de preservativo e realización do Test do VIH (Virus de Inmunodeficiencia Humana).
No momento actual, reciben tratamento no CHUO 505 pacientes seropositivos e declaráronse, en 2014, 28 novos casos de infección VIH. A prevalencia da infección VIH da provincia de Ourense foi, tamén en 2014, de 64 casos por millón habitantes, a terceira mais alta de Galicia, por debaixo de A Coruña e Pontevedra.
A idade media dos pacientes VIH está entre os 25-49 anos; o 75% son varóns.
Ao igual que no conxunto do Estado, en Ourense a gran maioría dos novos casos débense a relacións sexuais de risco, descendendo o número de contaxios entre drogodependentes. O patrón predominante é xa a vía sexual. Así, o pasado ano en Ourense o 48% dos novos casos en homes, foron por relacións sexuais homosexuais e o 28% por relacións heterosexuais non protexidas. Asemade en mulleres o 76% dos novos casos foron tamén por relacións heterosexuais de risco. Por iso dende o CHUO inisten na importancia das medidas preventivas e en evitar prácticas sexuais de risco e asegurar o uso do preservativo.
En España aínda existe entre un 25-30% de infeccións ocultas, ou sen diagnósticar, que ademais son responsables dun 58% dos novos casos de infección VIH. Por iso, é imprescindible concienciar á poboación da importancia de realizarse o test de VIH. Xa que na actualidade o diagnóstico tardío aínda afecta ao 48% dos novos casos diagnosticados, nos que os pacientes presentan xa unha inmunosupresión notable, que dificulta a súa evolución.
Para a realización da proba VIH, tan só é preciso solicitalo ao médico de cabeceira, que indicará súa realización mediante unha sinxela extracción de sangue, no centro de saúde ou hospital. Se os resultados do test indican a presenza de VIH, o paciente é directamente derivado a Unidade de Enfermidades Infecciosas, onde avaliarán o seu estado xeral e indicarán o tratamento preciso.
Campaña da Cruz Vermella
Con respecto ao Día Mundial contra a Sida, Cruz Vermella puxo en marcha a campaña «Pono. Que máis dá? Si dá» co obxectivo de minimizar o impacto do VIH e/ou sida entre a poboación a través da promoción de condutas e actitudes saudables mediante accións de información e sensibilización entre a poboación, que levarán a cabo durante este mes de decembro.
En Ourense, Cruz Vermella desenvolverá a campaña no Edificio de Ferro da Universidade de Vigo, e realizará dúas charlas informativas no Centro Penal do Pereiro de Aguiar. Ademais Cruz Vermella Mocidade instalará mesas de sensibilización no IES Blanco Amor, a Universidade Laboral e ofrecerá unha charla no IES Portovello. Ademais realizarase unha formación específica sobre VIH e Hepatite para voluntariado os días 14 e 15 de decembro.
Na provincia, repartiuse material informativo da campaña nos institutos da comarca de Maceda; Cruz Vermella en Terras de Celanova ofrecerá unha charla no IES de Celanova e levará a campaña á feira o venres 4 de decembro. Cruz Vermella en Valdeorras ofrecerá unha charla no IES Loureiro Olmo e instalará unha mesa de sensibilización de 10.30 a 13.00 horas na Praza do Concello. Cruz Vermella Monterrei tamén instalará unha mesa informativa o día 3 de 10 a 12.30 horas e ofrecerá charlas nos centros educativos de secundaria. Cruz Vermella Viana, Conso-Frieiras divulgará os materiais da campaña no IES Carlos Casares e realizará actividades cos participantes no taller de emprego da Gudiña. En Xinzo de Limia, porase unha mesa informativa no IES Lagoa de Antela e o IES Cidade de Antioquía. Igualmente realizaranse actividades de sensibilización na comarca do Ribeiro e O Carballiño.
Acto do Comité Cidadán Antisida
Este martes 1 de decembro, ás 12 da mañá na praza do Bispo Cesáreo, ao pé da estatua de Blanco Amor, o Comité Cidadán Antisida levará a cabo un acto no que fará público un manifesto da súa loita particular contra esta enfermidade. Nel, destacan que “a prevención e os avances nos tratamentos médicos frean a súa extensión e posibilitan aos afectados convivir con ela como outra de tipo crónico”. Non obstante, insisten en que “as políticas sanitarias e sociais dos gobernos de Santiago e Madrid están provocando que tamén se cronifique a exclusión social dos afectados por Sida en situación ou risco de marxinalidade”.
E piden as cidadáns que “permanezan na prevención fronte á sida e na solidariedade cos que a padecen. Ás Administracións Públicas, sinaladamente á Xunta, que recupere o investimento en programas de prevención, e que actualice a colaboración e o financiamento coas ONG que estamos cerca da xente”.
Na rúa do Paseo, ante o Banco de España, a partir das 10 da mañá, estará instalada unha mesa informativa con intervención artística interactiva co público.