Un total de 134 establecementos da cidade inscribíronse no concurso.

 

O salón de plenos do Concello de Ourense o acto de entrega dos premios do Concurso de Escaparates de Nadal 2015, que na súa edición número 26 na cidade distinguiu o traballo realizado polos comercios de moda feminina Pablo Enrique e Coco, así coma o da xoguetería Enzópolis, os tres primeiros premios nesta mesma orde. Así mesmo, o premio ao mellor escaparate por votación popular a través da rede social facebook recaeu na tenda de moda e complementos Maricastaña.

Houbo un total de 134 establecementos inscritos no Concurso, que nesta ocasión organizaron a Cámara de Comercio e o Concello de Ourense, unha participación que superou con creces as mellores expectativas dos organizadores. Igualmente, cómpre destacar que a maioría dos establecementos participaron por vez primeira no concurso, logo de abrir ao público en datas recentes. Nesta edición repartíronse un total de 1.900 euros e unha estancia por sorteo entre todos os participantes -realizado na propia rolda de prensa- nun balneario da provincia. A sorte caeu en Muma Petit.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quixo destacar a “excelente participación e resposta do público a través das redes sociais”, e felicitou a todo o sector comercial “por involucrarse e darlle vida á cidade a través de iniciativas coma esta”.