Con obradoiros infantís, teatro, música e un mercadiño.
Este Nadal o Concello de Ourense ten preparada unha ampla programación para que pequenos e maiores gocen destas sinaladas datas.
Entre as novidades deste ano atopamos o Mercadiño de Nadal “O Poboado de Laponia”, que está ubicado na Alameda de Bispo Cesáreo ata o 5 de xaneiro, así como unhas innovadoras proxeccións de Nadal sobre a fachada da casa consistorial os días 26 de decembro e 2 de xaneiro (20 horas).
Así mesmo, para facilitar a conciliación familiar, os días laborables das vacacións escolares (do 21 ao 5 de xaneiro) o Colexio Salesianos e o Espazo Lusquiños (da man de Amencer), o Espazo Coeduca, a Aula da Natureza, os centros cívicos, o Museo Municipal e as bibliotecas públicas da cidade acollen unha gran variedade de obradoiros dirixidos aos máis pequenos, para que aprendan e se divirtan seu tempo libre.
Moita música
E no apartado musical, os amantes destas festas non poden perderse, o 23 de decembro, o concerto de panxoliñas na Catedral a cargo de María do Ceo, Emilio Rúa e os nenos cantores da Capela Madrigalista; as interpretacións de Dous na Fronteira en diversas igrexas da capital; e os concertos de Nadal e Reis da Coral da Ruada (27 de decembro e 4 de xaneiro, respectivamente). Tamén haberá festa con orquestra na noite de fin de ano na praza Maior
MOTI
Tamén temos unha cita inexcusable coa XII Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que trae a 18 compañías que farán 22 representación do 26 ao 30 de decembro, no Auditorio, Teatro Principal e Campus. O prezo da entrada sitúase entre os 3 e os 4 euros.
Visitas moi especiais
Pero, sen dúbida, entre os momentos máis agardados polos cativos están a visita de Papá Noel, a dos paxes reais (tamén na Praza Maior o 2, 3 e 4 de xaneiro dende as 18 horas) e a Cabalgata de Reis (o 5 de xaneiro dende as 17:30 horas).