Do 26 ao 29 de decembro, trinta rapaces e mozos de grupos scouts de Ourense e de Ferrol gozarán dunha convivencia en Vilar de Ordelles.
O pasado sábado arrincaba o Campamento de Nadal que o Grupo Scout ILEX 959 de Ourensee o Grupo Scout 19 (de Ferrol) desenvolverán en Vilar de Ordelles, Esgos, ata o día 29, buscando o contacto coa natureza na estupenda contorna das terras da Ribeira Sacra.
Nesta actividade aproximadamente 30 rapaces e rapazas e a súa equipa educativa, formada integramente por voluntarios, ocuparán o Albergue de Vilar de Ordelles, que o Concello de Esgos lles facilita xenerosamente para estes catro días de aventura, e que será a base e lugar de pernocta para os aventureiros de dende os 7 e 18 anos, divididos por idade en tres grupos coa súa propia programación e monitores.
As actividades buscarán o máximo contacto coa natureza con rutas, técnicas de orientación, xogos, gymkhanas, teatro, xogos de pistas, cancións, etc. Pero sobre todo haberá diversión, convivencia e tamén corresponsabilidade, onde os e as participantes ocuparanse de tarefas básicas do campamento, como facer algunhas comidas, fregar a louza, ocuparse da limpeza da instalación, pois o método educativo que empreganos scouts busca que os nenos e nenas sexan cada vez máis autónomos e responsables.
Como colofón e actividade final do campamento, despois de ter as terras de Esgos e a Ribeira Sacra como protagonistas, o día 29 rematarán a experiencia cunha relaxante vista ás termas públicas de Outariz, xa en Ourense.
O Grupo Scout ILEX 959, de carácter laico, é de recente constitución e leva desenvolvendo a súa acción educativa dende comezos de outubro deste ano con actividades semanais que desenvolve cada sábado pola mañá no Espazo Xove (Casa da Xuventude) de Ourense e conta xa con unha quincena de rapazas e rapazas participantes. O Grupo 19 Ferrol é o grupo scout decano en Galicia, contando con máis de 50 anos de historia, polo que o campamento será unha estupenda oportunidade para trasladar parte da súa experiencia ao grupo ourensá recentemente constituído. Ambos grupos forman parte da federación scout ASDE –Scouts de Galicia.