A data límite de presentación de ofertas ao concurso é o vindeiro 23 de xaneiro.
O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a licitación das obras de reparación da ponte do Milenio, cun investimento de preto de 585.000 euros. O prazo de admisión das propostas rematará o vindeiro 23 de xaneiro.
Cómpre lembrar que a semana pasada a Xunta e o Concello de Ourense asinaban o convenio de colaboración para acondicionar esta infraestrutura e formalizar a súa entrega á Administración local, o que clarexará definitivamente as dúbidas ao respecto da titularidade da ponte.
As obras a realizar pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) consistirán no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.
En relación coas accións de conservación, retiraranse a vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.
Estas accións poñerán de novo a punto e devolverán toda a funcionalidade a unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense convertido nun elemento representativo da cidade.